Centos piden o indulto para Carlos e Serafín ás portas do MARCO

Convocada polas tres centrais sindicais (CIG, CCOO, UGT)unha nova mobilización en Vigo exixiu o indulto para os dous traballadores condenados a 3 anos de cadea por participaren nun piquete informativo en 2008. 

serafín
photo_camera CC BY-NC-SA CIG-Avantar

Carlos Rivas e Serafín González continúan a agardar pola orden xudicial que lles chame a cumprir condena. Após seis anos de loita xudicial para non entraren en prisión, ambos os dous terán que cumprir tres anos de privación de liberdade por un suposto delito contra os dereitos d@s traballador@s. Cunha vida completamente normalizada e testemuñas que aseguran, non existiu tal delito, desde a CIG, CCOO e UGT continúan a se mobilizar para impedir a entrada na cadea destes dous traballadores vigueses. 

Presentes na concentración que tivo lugar esta quinta feira perante o Museo MARCO, Carlos e Serafín amosaron o seu agradecemento aos centos de persoas que tomaron parte da mobilización. Visibelmente afectados --nomeadamente Serafín-- os dous operarios aseguran, xunto coas centrais sindicais, que a condena é "inxusta" e "desproporcionada", ao tempo que coidan visa ser unha medida de represión que atemorice á clase traballadora e a desmobilice nun momento de grandes retrocesos nas condicións de traballo. 

Blesa, Jaume Matas e Rodrigo Rato

"Non podemos consentir que o Partido Popular permita que Carlos e Serafín ingresen en prisión, mentres Blesa, Rodrigo Rato ou Jaume Matas fican infelizmente en liberdade", asegura o manifesto a prol do indulto ao que se deu leitura na concentración desta quinta feira en Vigo. "Non podemos consentir que se castigue con tres anos de cárcere" a dous traballadores, indicaron, pois suporá "destrozarlles a vida e castigar tamén ás súas familias". 

Desde as tres centrais sindicais tamén lembraron que "non coñecemos nen un só caso en que un empresario for xulgado por coaccionar aos seus traballadores" impedíndolles exercer o seu dereito a folga, unha realidade máis que habitual que contrasta coas múltiples sentenzas emitidas contra @s traballador@s. 

Resolución municipal de apoio

Mais o PP continúa a se negar e non concederá o indulto. Así o rexeitou xa no Parlamento español e na Cámara galega. A palabra tena agora a Fiscalía de cuxo informe dependerá un posicionamento favorábel ou non da xustiza ao indulto. Neste senso, desde as centrais sindicais agardan que a vindeira segunda feira o Concello de Vigo através das "tres forzas políticas con representación municipal" --incluído o PP-- aproben unha resolución de apoio a Carlos e Serafín, unha medida que podería axudar a estes traballadores a non entrar en prisión. 

Comentarios