Centos de persoas maniféstanse en Xinzo contra a mina de feldespato a ceo aberto que ocupará 400 campos de fútbol

A Xunta xoga a dúas bandas. Namentres a consellaría do Medio Rural declara A Limia como Zona de especial interese agrario e proxecta catro novos plans de regadío, a consellaría de Industria saca a exposición pública o proxecto mineiro 

photo_camera [Imaxe: @tino_xinzo]


Convencid@s de que a presión social botará abaixo a explotación mineira a ceo aberto que a empresa Minacer proxecta en Xinzo da Limia, centos de veciñ@s manifestáronse esta cuarta feira no museo do Entroido para manifestar o seu rexeitamento ao plan 'Faramontaos 5089.1', que se atopa en fase de exposición pública previa á concesión ou denegación da licencia por parte da Xunta de Galiza. Mobilizáronse baixo un lema claro: 'A mina ou nós'.

Di Carmen Díaz, presidenta da plataforma Corno do Monte, que o proceso de extracción de feldespato nunha superficie que afectaría máis de 400 hectáreas (a superficie aproximada de 400 campos de fútbol) "precisaría do uso de ácido fluorhídrico altamente contaminante" e acrecenta que eses terreos agrícolas sae produción por valor de 2,7 millóns de euros anuais "e deles viven máis dun milleiro de familias". A explotación mineira instalaríase nos lugares de San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, todos pertencentes ao concello de Xinzo. 

Explica Díaz que a actividade de Minacer xeraría "importantes danos" especialmente por contaminación do subsolo en hectáreas agrogandeiras que albergan máis de 600 explotacións. Desde a Xunta xogan a dúas bandas. Namentres a consellaría do Medio Rural declara A Limia como Zona de especial interese agrario e proxecta catro novos plans de regadío, a consellaría de Industria saca a exposición pública o proxecto mineiro. Segundo denuncia a Sociedade galega de historia natural, este cadra "exactamente" cunha das catro zonas que o departamento que dirixe Rosa Quintana quere transformar en regadío.

Comentarios