Centos de persoas expresan nas rúas da Galiza, máis unha vez, a oposición á reforma laboral

As cidades galegas acolleron concentracións convocadas pola CIG para rexeitar “os ataques do Goberno do PP á maioría social”
Concentración da CIG en Compostela
photo_camera Concentración da CIG en Compostela

A escasas horas de que o Congreso d@s Deputad@s debata (e aprobe, ao ter o PP maioría absoluta na Cámara española) a reforma laboral, oito cidades galegas acolleron concentracións para amosar o rexeitamento da cidadanía da Galiza a este paquete de medidas. As mobilizacións foron convocadas pola CIG e decorreron en Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo, participaron no conxunto das mesmas centos de persoas. A CIG considera que todas as medidas recollidas na reforma laboral van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento e as condicións laborais e proporcionar man de obra barata á patronal. A reforma pretende ademais debilitar a negociación colectiva, dividir os traballadores/as e individualizar as relacións laborais.

 A respecto disto, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na concentración da Coruña, matizou que o texto que saia aprobado na comisión, previsibelmente será o texto definitivo da futura Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, posto que todo parece indicar que no Senado non se introducirán novas emendas. Alén da crítica ao carácter antidemocrático con que se está realizando a tramitación da norma, Seixo advertiu que se podería dar o caso de que o documento aprobado pola Comisión de Emprego resulte mesmo máis lesivo que o Real Decreto imposto polo Goberno español.

Máis desemprego

Fronte a isto, a CIG acordou convocar unha nova xornada de mobilizacións nas sete cidades galegas co obxecto de denunciar o verdadeiro alcance dunha reforma laboral que o PP vende como unha medida que favorecerá a creación de emprego, “cando na práctica o propio Goberno sabe que non é así”, subliña Seixo. De feito, o Secretario Xeral lembrou que as previsións de destrución de emprego que se barallan para este ano son realmente alarmantes, e fálase da eliminación de até 600.000 postos de traballo.

“Os verdadeiros obxectivos das medidas recollidas na reforma laboral van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento, rebaixar as condicións laborais, proporcionar man de obra barata á patronal e provocar unha caída xeneralizada dos salarios”, aseverou. Ademais, coa reforma do mercado do traballo preténdese tamén desmantelar unha arma fundamental para a mellora das condicións da clase obreira como é a negociación colectiva, dividir os traballadores/as e individualizar as relacións laborais, apuntou.

Comentarios