Catro persoas do entorno de Martiño Noriega dimiten da Permanente de Anova

Antón Dobao, Mar Blanco, Xiana López e Xurxo Martínez González son as novas dimisións que rexistra a Comisión Permanente de Anova-Irmandade Nacionalista, despois de que onte se dera a coñecer a baixa de Martiño Noriega. As catro persoas que asinan a carta remitida ao responsábel de organización de Anova forman parte do entorno do alcalde de Teo. 

Dobao e Mar Blanco con Martiño Noriega
photo_camera Dobao e Mar Blanco con Martiño Noriega

Cunha carta dirixida ao responsábel de organización de Anova, danse de baixa na Comisión Permanente da organización Mar Blanco Casais, Xiana López Penedo, Xurxo Martínez González e mais Antón Dobao, quen, pola redacción do escrito, é o encargado de remitir a misiva. Reclaman que a renuncia sexa trasladada de inmediato á Coordinadora Nacional da organización e sinalan que a fan pública a través das redes sociais xa que, segundo din, estase a ocultar á militancia “por algunha razón que descoñecemos e non queremos avaliar” no que definen como “bloqueo da información”. 

“Hoxe percibimos que a realidade organizativa e política de Anova se afasta dunha maneira progresiva do proxecto orixinario e camiña cara a un partido de corte clásico dominado por unha elite na que reside toda capacidade de decisión e de control”, denuncian na carta, como a razón que explica a súa dimisión, que se suma á do alcalde de Teo apresentada na xornada anterior. 

“Non podemos tampouco permanecer impasibles ante os graves acontecementos que están inxectando unha dose letal nunha organización que, conforme aos seus principios éticos e políticos, está obrigada a resolver as súas inevitables e necesarias contradicións mediante o diálogo e a práctica do consenso e nunca mediante a imposición de exiguas maiorías nin a práctica punitiva”, sinalan nun escrito no que denuncian que a “lóxica das maiorías” se impuxo sobre as minorías. Sinalan, porén, que continúan comprometidos con Anova e con AGE, e que seguirán a traballar pola organización desde as asembleas de base.

Comentarios