"Queremos pór en valor a conserva nun lugar que é punteiro no sector"

Catrineta non é unha embarcación mais nela pódese vogar ao imaxinario tradicional. Ao pór o pé máis alá do marco da porta desta pequena tenda compostelá unha entra --visualmente-- nun ultramarinos dos que se atopaban en calquera vila galega. Cristina e Roberto convídannos a pasar.

conserva
photo_camera [Imaxes: O.R.]

Cristina e Roberto, dous lucenses que moran hai tempo en Compostela, decidiron reconverter o antigo ultramarinos de Aurora nunha tenda de conservas coa que din, "pór en valor" un dos produtos nos que Galiza é un país punteiro. Mais non só, Catrineta é tamén un espazo cultural no que conviven outros proxectos. Desde doces tradicionais con máis de oitenta anos de historia até exposcións artísticas coma as de Cestola na Cachola

Coa ollada posta na "calidade" e a "orixe" dos produtos, anímannos a (re)descubrir todo o que pode conter unha lata. 

Cal é a historia de Catrineta?
Cristina. Este local leva moitos anos aberto. A actual dona leva desde 1953 e sempre foi un ultramarinos. A respeito do nome, Canitrineta vén do poema portugués [Nau Catrineta de Almeida Garrett] que despois versionou Fausto, como gostamos moito da canción e a idea xurdiu un pouco vinculada a Portugal pois decidimos porlle Catrineta.

Roberto. Asemade, tampouco tiñamos nome para a marca pois no que pensaramos era dunha empresa que embora non existir non podiamos empregar até dentro de 10 anos, pensamos en Catrineta e vimos que pegaba co que queriamos facer pois é o nome dunha embarcación....

Cristina. Ademais era en feminino. [Ri].

Como xorde a idea de montar a tenda?
Roberto. Estiven pasando unhas vacacións en Portugal e quedei en paro. Camiñando por Lisboa atopei unha tenda na que vendían conservas. Nunca pensara en Portugal como un país produtor de conservas, cría que Galiza era un lugar de referencia nese ámbito mais aquela tenda marabilloume.

"En Galiza temos a mellor materia prima e coido que a malvendemos"

Os envoltorios, a posta en valor dun produto que sempre me semellou bastante 'normal' porén que o presentaban con todo o orgullo de estar vendendo o mellor produto do mundo. Aí pensei que en Galiza temos a mellor materia prima e coido que a malvendemos. Aliás, penso que é un produto no que sempre mercamos o mesmo mais cando comezamos a chamar ás conserveiras vimos que tiñan unha variedade inmensa. Comezamos a facer unha seleccións das que consideramos mellores e aspiramos a introducir outras novas que o público descoñece pois algunhas das conserveiras coas que traballamos venden a maior parte da súa produción fóra. 

"Temos un produto 100% feito galego e en galego"

Cristina. Con isto queriamos pór en valor a conserva tamén para nós. Somos os primeiros en produción, exportámola para fóra e despois mercamos conserva do Pacífico, por exemplo. Para nós é importante que se saiba que temos un produto bo, que sempre o traballamos ben e que somos punteiros. 

Roberto. Acontece, por exemplo, coas zamburiñas que vendemos en Catrineta. O seu prezo é ao mellor o dobre do que podes atopar no supermercado mais se as probas é un produto totalmente distinto, en boa medida porque son de aquí. Exportamos o bon e mercamos o malo. Nesa loita estamos. Logo en potenciar un produto 100% galego e pór tamén en valor a lingua galega na embalaxe, iso tiñámolo moi claro. 

Que criterios seguides para seleccionar os provedores?
Cristina. Dunha banda, non traballar con grandes empresas. Quixemos apostar por proxectos máis pequenos, que coidasen máis a calidade no proceso de elaboración. Despois, estivemos un ano enteiro comendo conservas [Ri]. Con eses criterios e probando, fomos quedando con aquelas que, ademais, querían traballar con nós. 

Roberto. Dalgunha maneira estarmos atravesando unha crise a nós axudounos a que algunhas empresas se fixasen en nos se ben, quizais noutras circunstancias non o tivesen feito. Doutra banda, á hora de elixirmos algunha das empresas tivemos en conta o tratamento para coas traballadoras. 

Cristina. Esa é outra parte que gostamos de salientar de Catrineta, a idea de pór en valor o traballo das mulleres pois as conserveiras non serían nada sen elas. 

Gostamos da idea de non sermos só unha tenda de conservas senón que a xente poida vir ver calquera tipo de arte"

Catrineta ten unha faciana moi cultural. Combinades a vosa actividade con outras asociacións da cidade...
Roberto. Xurdiu tamén viaxando, sobre todo por Europa. Vimos que había tendas que facían coworking [traballo cooperativo ou traballo en cooperación]. Tendas onde venden zapatos xunto con outras de reparación de bicicletas. Cousas dese estilo. Na cidade de Compostela vimos que nos últimos anos a cultura está sendo maltratada, por exemplo, co fechamento de espazos culturais. Queriamos crear un espazo alternativo para facer pequenas exposicións, pequenos concertos... Gostamos da idea de non sermos só unha tenda de conservas senón que a xente poida vir ver calquera tipo de arte. 

Cristina. Tamén arrincar a cultura dos espazos concretos, oficiais --museos, salas de exposicións-- e que ademais chegue a todo tipo de públicos. É outra maneira de democratizar a cultura e achegala a máis persoas. Estamos abertos a que quen queira poidan vender aquí, tamén, os seus produtos, sen cobrarmos nada. É unha colaboración. Aliás, cremos nesa idea de barrio e que o casco vello deixe de ser un museo para turistas para pasar a ser un espazo no que a xente vive. 

Comercializades tamén on-line, non si?

Cristina. Polo de agora á xente xústalle mercar através da Internet mais ofrecemos a posibilidade de accederen aos nosos produtos a través da loxa on-line. Evidentemente o prezo varía segundo os portes e en función de onde veña o pedido. 

Contáronme que Roberto tamén fai de transportista dentro da cidade...

[Rin]

Roberto. Algunha vez si, en bicicleta. Fixen algún reparto así. [Ri]. 

Cristina. Foi algo expontáneo mais así tamén é máis ecolóxico [Ri].

Comentarios