Caso Bárcenas: Feijóo di crer en Rajoy, mais o 79 por cento dos cidadáns do Estado, non

A crise de lexitimidade do Goberno Rajoy continúa a criar unha fenda probabelmente irreversíbel entre o líder do PP e a opinión pública. 
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Nunca antes na historia un presidente de Goberno tivo un grao de rexeitamento social tan masivo como o que castiga a figura de Rajoy. Os dados de Metroscopia son demoledores e deberían bastar para Rajoy valorar a serio a súa renuncia. O 79 por cento das persoas inqueridas non acreditan nas explicacións dadas por Rajoy a respeito do seu envolvimento na contabilidade en negro do tesoureiro Bárcenas. A inmensa maioría cre que Rajoy si cobrou en B, que non declarou os seus ingresos ao fisco e que, portanto, mentiu.

A estratexia da transparencia despregada por Moncloa, coa publicación das declaracións da renda e do patrimonio, non serviu para nada. Ao contrario, aumentou a confusión e a sensación de que Rajoy minte, ao acharse incoherencias entre as cifras declaradas ao fisco e as achegadas no seu momento ao Congreso (ou as manifestadas en entrevistas televisivas, como a que concedeu en 2007 a Lleida TV).

Se alguén pon en dúbida que Rajoy está politicamente amortizado, non faría mal en botarlle un ollo ao último traballo do CIS, realizado, alén do máis, antes do estourido do caso Bárcenas. Os dados son desoladores para o aparato de Génova. Na súa nota individual, Rajoy non chega nin ao 3, fica no 2,81. É o rexisto máis baixo na serie histórica do CIS para un presidente de goberno español. Unha nota máis propia de Otegui (cando existía ETA) que do xefe do Executivo estatal. A pior nota de Zapatero, poucos meses antes de o PSOE caír derrotado nas xerais con, foi un 2,88.

A nota de Rajoy no CIS, o 2,81, é o rexisto máis baixo na serie histórica do CIS para un presidente de goberno español

Deszamos máis ao detalle. Que percentaxe de cidadáns teñen moita confianza en Rajoy? O 2,3 por cento. E cantos teñen bastante confianza? 14,2 por cento. Vaiamos agora aos que desconfían de Rajoy, a aqueles que non cren nel, a diferenza de Feijóo. Pouca confianza en Rajoy téñena o 28,4 por cento das persoas inqueridas polo CIS e o 53,7 por cento (!!!!) afirman non ter ningunha.

Se iso é así, por que Feijóo di tan enfaticamente crer en Rajoy? Por que non adopta un perfil máis discreto e de menor adhesión ao seu xefe? Por que se coloca tan lonxe da sensibilidade cidadá?

As respostas a estas perguntas remiten a unha evidencia: Feijóo está na carreira cara á Moncloa e esa carreira pasa inescusabelmente polo apoio do aparato de Génova, controlado aínda por Rajoy. Por iso fabrica balóns de oxíxeno para o presidente do goberno. Porque, embora debilitados, Rajoy e a súa contorna aínda teñen capacidade para desequilibrar unha contenda interna no partido.

Feijóo non é que crea en Rajoy, é que non se pode permitir o luxo de non crer nel.

Comentarios