venres 10.07.2020
TRECE ANOS APóS A CATáSTROFE DO 'PRESTIGE'

Case 12.500 buques con mercadorías perigosas navegan cada ano fronte ás costas galegas

En 2014 circularon perante Galiza máis buques con produtos de risco nas súas adegas que no ano en que afundiu o Prestige.

Case 12.500 buques con mercadorías perigosas navegan fronte ás costas galegas

O ano da catástrofe do 'Prestige' (2002) circularon polo Corredor de Fisterra 12.446 buques que transportaban materias perigosas, concepto baixo o que se engloban produtos como petróleo, gas, materiais tóxicos ou produtos corrosivos, entre outros. O 'erro' en só un deles -o 0,008% do total- provocou un dos maiores sinistros marítimos do noso país. Máis dunha década despois, en 2014, foron 12.495 os buques con produtos de risco que navegaron fronte ás nosas costas. Cincuenta barcos máis que naquel fatídico 2002. Embarcacións que son "bombas de reloxaría potenciais", como denunciaban desde hai tempo colectivos da defensa do medio ambiente como a Plataforma en defensa da Ría de Arousa, entre outras.

Polycomander en 1970, Urquiola en 1976, Andrios Patria en 1978, Casón en 1987, Mar Egeo en 1992, Prestige en 2002… son algúnhas das catástrofes de buques con hidrocarburos no noso país, todos eles con consecuencias ambientais, económicas e sociais.

Nunca Máis denunciou en non poucas ocasións que "persiste o risco de incidente ou accidente marítimo sobre as nosas costas"

Cómpre lembrar que unha das decisións adoptadas após o desastre do Prestige foi a de habilitar catro carrís de navegación (antes había dous) no Corredor do Atlántico, fronte a Fisterra: a 21,7 millas (40 quilómetros); 28,3 millas (52 Qm); 35,5 millas (65 quilómetros) e 39,5 millas (73 Qm) das nosas costas.

Nunca Máis denunciou en non poucas ocasións que "persiste o risco de incidente ou accidente marítimo sobre as nosas costas". A plataforma afirmaba que "Galiza segue a padecer importantes carencias en materia de seguridade marítima", e sinalaba que "non é certo que o noso país estea preparado para enfrontar unha catástrofe semellante". A finais de 2014, máis unha vez, PP e PSOE vetaron a proposición de lei do BNG que pedía a transferencia a Galiza das competencias en Salvamento Marítimo e na loita contra a contaminación mariña. O Bloque argumentou que a complexidade e a velocidade con que se desenvolven os accidentes marítimos, precisan de intervencións rápidas.

comentarios