Cascos remite todas as decisións "aos técnicos"

O ex-ministro de Fomento tivo -ou talvez finxiu- continuas lagoas de memoria e centrou as súas respostas en que as decisións que se tomaron viñan "após os informes que entregaban os técnicos".
Cascos no xuízo
photo_camera Cascos no xuízo do Prestige


Álvarez Cascos continuou coa estratexia de pasar a pelota a José Luis López-Sors, ex-director da Mariña Mercante, das decisións que se tomaron nos días decisivos que remataron co afundimento Prestige. Coa mesma actitude que outras das testemuñas políticas que pasaron polo xuízo que se está a desenvolver na Coruña, o ex-ministro de Fomento no goberno de Aznar remitiu a súa actuación "ao que dicían os técnicos" e na maior parte da súa declaración respondeu cun "non me lembro" ou "non teño opinión".

A ratificación de López-Sors como único imputado "político" deixou fóra a Arsenio Fernández de Mesa, ex-Delegado do goberno en Galiza, e a Ángel del Real que era o Capitán Marítimo da Coruña mais tamén a Álvarez Cascos, ex-Ministro de Fomento. Por este motivo a presenza de Cascos como testemuña seguiu o guión do "trámite" a dicer dalgúns d@s letrad@s que participan no xuízo.

"Tiven sempre a tranquilidade baseada na confianza nos técnicos, as decisións foron as correctas, sobre a base dos informes". Na súa declaración a preguntas do avogado da Plataforma Nunca Máis, asegurou que o seu ministerio tiña "toda a información e o asesoramento necesario" naquel intre e non lembra algunhas informacións das que se falaron aqueles días "como a de bombardear o buque". Para Cascos nin él nin López-Sors enviaron ao Prestige "mar adentro até que afundira" e asegurou que non foi á Coruña e seguiu coas súas actividades de lecer, en relación coa súa participación nunha polémica cazaría eses días, após pensar que "a súa presenza en Galiza non era de utilidade e non axudaría a resolver nada".

O ex-ministro comezou a perder a memoria cando lle preguntaron polo "posíbel interese económico" da empresa de salvamento marítimo Remolcanosa, propiedade de Silverio Cañizares, amigo de Manuel Fraga segundo o avogado da Confraría de Pescadores. "A miña memoria non é tan potente", sinalou mesmo cando se lle preguntou pola razón de asinar o contrato desta empresa con sede en Vigo. Tampouco lembraba conversas con Francisco Vázquez, nese intre alcalde da Coruña, nin con Arsenio Fernández de Mesa, ex-delegado do goberno. "Insisto, as decisións foron dos técnicos"

Os días cruciais

As preguntas de María José Rodríguez e Santiago Zabaleta, avogad@s da empresa Mare Shipping, incidiron nos días posteriores ao SOS enviado polo buque capitaneado por Mangouras. Cascos repetiu que o obxectivo das actuacións que se derivaron eses días era "salvar as vidas humanas" e logo "actuar segundo as informacións que enviaban os helicópteros". Recoñeceu que no Plan Nacional de Continxencia non contaron con oceanógrafos, aínda que ratificou "o acerto da Dirección Xeral da Mariña Mercante" en afastar o petroleiro.

"É curioso que non aparezan os informes técnicos deses días polo xuízo", afirmou o avogado de Mare Shippins após que todas as respostas de Ávarez Cascos remataban sinalando eses traballos de asesoramento como os que motivaron todas as actuacións. En relación coa posibilidade de transvasar o fuel para evitar a catástrofe medioambiental, Cascos dixo que era "unha utopía posto que ningunhas das zonas de abrigo eran viábeis".

Imaxe: Transmisión do xuízo na Sala de Prensa

Comentarios