Ás carreiras para que a Praia das Catedrais sexa Parque Natural

Praia das Catedrais
photo_camera Praia das Catedrais

Case mil persoas, 921, anotáronse na media maratón “Praia das Catedrais” deste sábado para reclamaren que a franxa litoral de Ribadeo sexa declarada Parque Natural e a resposta multitudinaria dá medida dunha urxencia e unha demanda que respalda boa parte da cidadanía.

Tanto o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga como o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, coincidiron á hora de esixir ademais da declaración de Parque Natural a ordenación do acceso á praia, a peonalización do entorno e a construción de aparcadoiros que se afasten do areal. 

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez comparou a marca de persoas anotadas na carreira co récord de turistas na praia das Catedrais que chegou neste mes de agosto a 270.000. Unhas 10.000 persoas visitan por día a praia que recibiu no pasado ano 500.000 persoas, cifra que todo indica que se superará no presente ano. 

A baixamar, o momento no que o areal se mostra en todo o seu esplendor, será tamén o de chegada das persoas participantes na proba, despois de recorreren os 21 quilómetros da carreira que ten a súa saída no Concello de Ribadeo ás 18 horas. O “photocall” da entrega de premios será nos propios arcos das Catedrais, un escenario único que se quere defender tamén por medio do deporte. 

Fernando Suárez sinala que a proba, ademais de promoción turística, busca dar “un toque de atención á Xunta de Galiza e á Dirección Xeral de Costas para que declaren este entorno Parque Natural, unha demanda que é un clamor social en toda a comarca da Mariña”. Conta para iso co apoio da vicepresidencia da Deputación de Lugo e, neste sentido, o tamén nacionalista Antonio Veiga reclamou un “plan amplo, serio e de futuro, consensuado por todas as administracións: Xunta, Deputación, Ministerio de Medio Ambiente, Dirección xeral de Costas e Concello”. 

Desconxestionar a praia 

O alcalde Fernando Suárez demandou en público en varias ocasións a defensa do singular litoral de Ribadeo, en concreto a Praia das Catedrais “conxestionada” en numerosas ocasións pola masiva afluencia de turistas e mesmo ameazada por prácticas pouco respectuosas coa riqueza natural do entorno. A protección do areal e a súa consolidación como reclamo turístico ao tempo esixen, ao seu ver, a Declaración coma Parque Natural que agora se reclama coa multitudinaria carreira. 

“Neste momento faise inevitable ampliar os ámbitos de actuación, que foron delimitados hai 10 anos cando a praia non tiña o tirón que ten hoxe”, defendeu o alcalde que aposta por visitas ordenadas e escalonadas, eliminación do tráfico de coches no entorno e habilitación dun apeadeiro de FEVE xa que, ao seu ver, é urxente retirar os coches dos arredores das Catedrais, espazo convertido xa no segundo lugar máis visitado do país, seguindo á Catedral de Santiago o que, na situación actual supón tamén unha ameaza para a súa conservación. 

“É necesario protexer e conservar a praia das Catedrais, senón corremos o risco de matar a galiña dos ovos de ouro”, apuntou Antonio Veiga na presentación do evento deportivo e reivindicativo ao tempo que pulou por aproveitar a chamada do areal para “vender A Mariña e o resto da provincia de Lugo e facer que os turistas que veñen ver as Catedrais queden varios días na Mariña e visiten outros puntos da comarca”. 

Comentarios