Carlos Taibo: ''Fomos expulsos da AN porque a sentenza contra os catro independentistas xa estaba decidida''

Até 56 anos de cárcere e outros 36 de liberdade vixiada. É esta a condena que o politólogo e profesor da Universidade Autónoma de Madrid considera ''argallada'' co propósito de "demonizar" as reivindicacións independentistas na Galiza. 

Carlos Taibo
photo_camera Carlos Taibo

A defensa de María Osório, Antom Santos, Eduardo Vigo e Roberto R. Fialhega chamou Carlos Taibo e Bernardo Maiz como peritos expertos na historia do nacionalismo galego e nos movementos de liberación nacional para confrontar o informe do perito da garda civil. Porén, ambos os dous foron expulsos da sala antes de concluír a súa intervención. 
 

"Abandonen la sala. O es que no hablo castellano cotidianamente?" Que sentiu cando ouviu estas palabras?

[risas] Non sentín nada porque non as entendín. E Bernardo Maiz [o outro perito da defensa] máis eu, olla se eramos inxenuos, pensamos que a quen expulsaba realmente era aos peritos da garda civil e da policía porque estaba a fitar cara a eles! Non fitaba cara a nós! Despois comprobamos que estabamos infelizmente equivocados. 

"O argumento de que o xuízo era unha farsa é perfectamente sustentábel na medida en que o xuíz parecía darlle completo crédito aos relatorios da garda civil e da policía"

Que análise fai desta decisión do xuíz?

Foi un momento moi interesante. Nós foramos convocados para unha proba pericial que consistía en rebater os informes da garda civil e da policía nacional [española]. Curiosamente, namentres discutiamos eses informes, o xuíz interpretou que os estabamos a acusar de prevaricación e expulsounos da sala. 

Isto debuxa un comportamento inédito! Vostede aceita unha proba que implica unha discusión, e rexeita a discusión cando esta chega. Que significa? Que o argumento de que o xuízo era unha farsa é perfectamente sustentábel na medida en que o xuíz parecía darlle completo crédito aos relatorios da garda civil e da policía. A pregunta que nos faciamos era 'para que a proba pericial e para que o xulgamento enteiro?' 

"Detrás do esquema do xulgamento o que hai é un exercicio de demonización enteira do proxecto soberanista en Galiza"

De feito, na súa quenda de intervención, dixo que o perito-garda civil estaba "a lle atribuír de oficio características violentas ao independentismo".

Hai unha frase en que se identificaba literalmente "el independentismo gallego" e "el terrorismo". A frase estará recollida nos gravadores. Supoño que, de ter a oportunidade, este señor diría que non era iso o que quería dicir, mais este tipo de deslices verbais son moi interesantes porque retratan o que hai por detrás do esquema xeral do xulgamento e do proceso mental dos nosos gobernantes, que é un exercicio de demonización enteira do proxecto soberanista en Galiza.

Atribúe a todo ese proxecto unha condición violenta e decide que cómpre aplicar leis que eu entendo argalladas pensando noutros escenarios e noutras violencias. Isto é algo que cómpre salientar nun momento coma este.

Lémbrenos, faga favor, as liñas polas que discorreu a súa intervención aquela tarde.

Foi unha intervención improvisada sobre a base do que eu lles escoitara aos peritos da garda civil. Salientei que non había delitos de sangue, que non había extorsión, que non había secuestro... de tal maneira que as penas que se pedían estaban visibelmente fóra de lugar mesmo no caso de que os catro [independentistas] fosen responsábeis dos delitos de que estaban acusados. 

Subliñei tamén que era difícil acreditar nunha liña de relación expresa entre o que chaman 'Resistencia Galega' e o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive que configuran, de aceptarmos as expresións públicas de 'Resistencia Galega', ideoloxicamente dúas entidades completamente diferentes en materia de proxecto, de perspectiva de acción política ou, no seu caso, da acción armada.

"A deturpación manifestada nos relatorios deixou claro que nin a garda civil, nin a policía, nin o fiscal nin o xuíz coñecen o devir histórico do nacionalismo-independentismo galego"

Chamei a atención tamén sobre a reiterada afirmación de que a Agrupaçom de Montanha Augas Limpas formaba parte dunha trama terrorista, cando todas as descricións que daban alí debuxaban unha entidade que se dedicaba a organizar roteiros polas montañas e, no peor dos casos, tarefas de recrutamento de rapaces novos para este deporte, o cal non é delito. 

Para alén de incluír nesa "trama terrorista" da cal vostede fala a varios colectivos galegos, no xuízo ouvimos situar 'Resistencia Galega' nun ronsel de violencia que se iniciara "na UPG de Moncho Reboiras" ou atribuírlle á organización a frase 'Denantes mortos que escravos'. Que papel xogou na sentenza este evidente descoñecemento do movemento nacionalista e independentista galegos?

A deturpación manifestada deixou claro que nin a garda civil, nin a policía, nin o fiscal nin o xuíz coñecen o devir histórico dese movemento.

Os relatorios eran completamente infantís. A relación causa-efecto non foi obxecto de ningunha atención, polo que era evidente que se partira dun xuízo premeditado sobre o que acontecera e procuraron argallar argumentos que supostamente alimentaban esa conclusión.

Creo que toda a trama mental dos relatorios era contestábel en termos xa non de procedemento xudicial senón en termos dun procedemento ordinario de persoas con sentido común. 

Dixen moitas veces que non estou en condicións de afirmar que foi o que fixeron os catro condenados, mais que tiña a certeza de que sobre a base dos relatorios da policía nacional e da garda civil era imposíbel chegar ás conclusións ás cales chegou o xuíz no seu acto de sentenza. 

Que valoración lle merece esa sentenza?

É unha sentenza fundamentalmente política. Sospeito que detrás dela hai un propósito duplo: dunha banda demonizar o movemento soberanista enteiro e da outra, non menos importante, procurarlle traballo a moitos que quedaron sen el de resultas do cesamento da violencia armada no País Vasco. 

Esta dimensión non é desbotábel. Hai probabelmente centos que traballaban na contestación do que supuña a violencia de ETA e que hoxe están sen traballo, polo que unha das hipóteses posíbeis é a que chama a atención sobre a posibilidade de abrir novas vías para lle dar traballo a esa xente.

Algo trouxo de positivo: o rexeitamento rotundo de todas as forzas soberanistas na Galiza. Cumpría un punto de inflexión tan contundente para chegar a ese posicionamento conxunto?

Neste punto sospeito que nin o poder político nin o xudicial avaliaron ben o que fixeron. Nun mundo tan caracterizado pola confrontación e polo sectarismo como é o soberanismo-nacionalismo-independentismo na Galiza, esta sentenza provocou esa rara unanimidade na repulsa.

Creo que é no único no que se puxeron de acordo todas forzas políticas desa órbita, e mesmo outras que a ultrapasan. Algo que me parece moi interesante porque é literalmente contrario ao que tiñan na cabeza aqueles que argallaron a sentenza. 

"Esa rara unanimidade na repulsa á sentenza é literalmente contraria ao que tiñan na cabeza aqueles que a argallaron"

Agardaba estas condenas?

Non. Agardaba unha resolución máis suave que carrexaría un 'aviso', mais que non se cebaría coa vida de catro persoas cunha sentenza que debera provocar a indignación en toda a opinión pública librepensante española, que está tan preocupada polo que aconteceu en Blanquerna, en Madrid [en referencia ao ataque fascista perpetrado nesta libraría cadrando cos festexos da Diada] mais que semella non ter nada que dicir sobre catro sentenzas que son, mesmo no caso de que os feitos quedasen demostrados, que eu non creo que o quedasen en caso ningún, visibelmente excesivas e dificilmente aceptábeis. Agardaba, vexo que con enorme inxenuidade, que tanto os poderes públicos españois como o poder xudicial asumisen un posicionamento máis mesurado.

Falaba antes dos propósitos deste fallo xudicial. Se mo permite, acrecentaría un terceiro: manter a andamiaxe da excepción. Gostaría de saber se o partilla e que papel lle atribúe á imprensa á hora de alimentar a sensación dese mal absoluto que cómpre castigar con todo o peso da lei. 

Un papel fundamental. Na medida en que os medios de comunicación repiten sen ningún tipo de crítica a sentenza xudicial e os argumentos da fiscalía queda claro que se poñen desa parte de maneira obscena. Mais cómpre sinalar que os medios de fóra da Galiza practicamente non lle prestaron ningún tipo de atención a isto e sospeito que, en certo sentido, é un fracaso da estratexia dos poderes políticos.

"A opinión pública librepensante española semella non ter nada que dicir sobre catro sentenzas que son visibelmente excesivas e dificilmente aceptábeis"

Se o que queren é alimentar a idea de que existe unha ameaza terrorista que xustifica o mantemento das leis de excepción, propósito que ti sinalaches e eu comparto, o lóxico sería que eses medios de comunicación deran azos á información sectarizada, unilateral e deturpadora da realidade que se refire a este xulgamento. Porén, nin recolleron o xuízo nin a sentenza.

Vexo aquí un problema de comunicación dos gobernantes españois, que nin sequera conseguen que a imprensa afín en Madrid recollan unha resolución que non tivo relevo algún en termos de ameaza pública, terrorista, de violencia armada que eses gobernantes afirman que existe na Galiza.

Era a primeira vez que declaraba na Audiencia Nacional española?

Era, si.

"Os gobernantes españois nin sequera conseguen que a imprensa afín en Madrid recollan unha sentenza que non tivo relevo en termos da ameaza terrorista que eses gobernantes afirman que existe na Galiza"

Que lle quedou por dicir?

Quedou por discutir a serio os informes da policía e da garda civil porque non nos deixaron facelo. Están marcados con erros fundamentais, problemas de razoamento e unha interpretación interesada.

O xuíz decatouse de que a proba pericial da defensa ía ser delicada para a fiscalía. Xa perderan pola mañá a peritaxe grafolóxica [ao redor da sinatura atribuída a María Osório] e tiñan todas as posibilidades de perder tamén esta.

Como tiña a vontade previa de ditar esta sentenza e impor estas penas, non quixo máis argumentos en contra e expulsounos da sala. Creo que é esta a interpretación máis razoábel do que aconteceu alí.

Comentarios