Carlos Mella: "Só a figura de Castelao me podía facer volver a un posto público”

Coa fonda pegada de Avelino Pousa Antelo no horizonte, o político e escritor Carlos Mella vén de asumir a presidencia da Fundación Castelao, desde a que se compromete a promover o ideario do autor de Sempre en Galiza.
Carlos Mella
photo_camera Carlos Mella

Desde este fin de semana, Carlos Mella é o novo presidente da Fundación Castelao, cargo que volve de novo ao ámbito público a este home de traxectoria dilatada en postos políticos e culturais entre os que sobrancean o ter sido membro do goberno da Xunta, candidato ao Parlamento Europeo polo BNG ou breve presidente da AELG. Entre os seus varios libros, dous títulos da súa autoría deron tamén ben que falar, Non somos inocentes e Memorias dun ninguén.

“Levo moitos anos arredado da política e das institucións e o único posto que conservaba era o do padroado da Fundación Castelao, da que fun fundador. Propuxen a miña candidatura e o consello aceptouna. Para min é unha grande honra e un dos desexos máis queridos”, comeza a falar Mella para deixar sobre a mesa, de saída, a ilusión que lle fai presidir unha entidade que ten como obxectivo a promoción e difusión da figura de Castelao.

Obxectivo, difundir o seu ideario

Na súa idea, a débeda con Castelao é facer valer o seu pensamento. “Recoñecer a súa figura é fácil, agasallar seus libros, tamén. Castelao é coñecido mais hai que comezar a poñer a disposición da xente a súa doutrina e o seu pensamento para que se asimile”, afirma ao tempo que idea iniciativas para difundir o seu ideario en colexios e vilas.

Cos debuxos de Castelao non se ri, dan para pensar e sacar unha filosofía. Temos que traducir o traballo en feitos, coñecer, respectar e transmitir as súas ideas galeguistas”, engade o novo presidente da Fundación Castelao. Como todo o tecido cultural, a Fundación Castelao vive a crise e falta de recursos do momento. “Todo está moi verde e son tempos ben difíciles, mais traballar na leira de Castelao e sachar nela é unha grande satisfacción”, comenta. De saída, aceptan a oferta do alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, para teren unha sede fixa na localidade natal de Castelao. Por diante quédanlle dous meses para estabelecer o plan de traballo da equipa que presidirá. “Temos que defender a importancia maiúscula da Fundación Castelao”, comenta. A falta de cartos vai ser unha dificultade que conta solventar a forza de traballo, xestionando os poucos recursos con imaxinación e esforzo. Declarar BIC a súa obra, a creación dun Centro ou Museo Castelao arredor da súa figura e mesmo facerse coa casa de Rianxo en propiedade son obxectivos que promoveu a Fundación e que agora a situación económica sitúan aínda máis lonxe e obrigan a reconducir os obxectivos e o traballo da entidade. A Carlos Mella non se lle esquece recoñecer a forza e enerxía de quen o precedeu, a entrega á causa de difundir a figura de Castelao por parte do anterior presidente Avelino Pousa Antelo, quen coñecera de rapaz ao fundador do Partido Galeguista.

Comentarios