Carlos Callón: “Que o día da lingua galega o PP dea o visto bo á lei da vergoña é repulsivo”

A poucas horas de se ter celebrado a manifestación que o Día das Letras Galegas encheu a Praza da Quintana reclamando o dereito a vivir na nosa lingua, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, valora o éxito dunha convocatoria que pon á vista a vontade de defender o galego nun momento no que se está a cuestionar mesmo a súa oficialidade. 

Carlos Callón
photo_camera Carlos Callón

-Milleiros de persoas defenderon o dereito a propia lingua en Compostela. Que valoración fai da manifestación? 

Para nós supuxo un grande éxito. Que unha plataforma que non conta con grandes apoios económicos e unha convocatoria que non saíu na Radio Galega nin na TVG consiga esa capacidade de convocatoria nun momento no que se están a producir mobilizacións por moitos motivos supón unha nova demostración de amor a lingua. Demostra, máis unha vez, que hai unha parte importante da sociedade tensionada na defensa da nosa idioma. Mesmo coa chuvia, a xente participou e iso dá moitas forzas para seguir adiante. 

-No día no que a lingua galega é protagonista, o PP dálle luz verde á LOMCE, un ataque para o seu futuro. Que supuxo a noticia que se producía ao tempo a manifestación? 

Que o PP aprobase en Consello de Ministros a xa coñecida como lei da vergoña no mesmo día no que festexamos a lingua resulta repulsivo e noxento. Escolleron o día para botar para adiante unha lei que é un novo ataque ao galego, unha afronta maior contra os nosos dereitos. 

-Que vai supor a Lei Wert para o futuro da lingua?

Continúa e acrecenta os ataques ao galego que o PP desenvolve desde a Xunta e que nos está a colocar nun momento de maior vulnerabilidade. Que o feito de que unha familia non queira que o seu fillo sinta o galego na escola signifique que todos nós temos que subsidiar unha escola privada é unha aberración. Coloca á lingua nunha situación allea á nosa realidade, estranxeira no noso país, como se fose unha lingua tóxica. Temos que financiar a quen non queira escoitar falar galego. Apoian a ignorancia ao galego, catalán e vasco e eu pregúntome que vai ser o seguinte paso, promover a ignorancia á lei da relatividade?

"O PP trata o galego como unha lingua tóxica"

-A Lei de Normalización fai trinta anos e continúa sen se desenvolver mais semella que un novo marco legal ameaza mesmo os mínimos alí establecidos. 

É certo que tiñamos un marco legal de amparo que aínda que fose raquítico non se cumpría. Organismos internacionais teñen alertado tamén do seu incumprimento. Mais agora estamos a atoparnos con que mesmo se está a negar a oficialidade do galego. Tanto o Estatuto como a Constitución recoñecen a oficialidade mais estanse a aprobar leis que o negan. Unha das primeiras medidas de Feijóo no goberno foi unha Lei de Función Pública que deixa de ter á lingua como requisito. O galego pode pasar a ser lingua opcional no ensino. Resulta, pois, cuestionábel o mesmo concepto de oficialidade. Que lingua oficial non tes que coñecer nin dereito a aprender? Estamos moi por debaixo da condición de lingua oficial. O Estatuto de Autonomía garante uns dereitos que non se cumpren na vía dos feitos. 

"Estase a cuestionar mesmo a oficialidade do galego"


-Esta situación provocou xa unha maior perda de falantes?

Estamos a vivir un retroceso no proceso de normalización, que se manifesta tamén na perda de falantes. Para alén de estudos estatísticos, calquera persoa pode decatarse de que  nos últimos anos o galego se fala menos. Os poderes públicos que debían frear a perda de falantes están a incrementala. Pérdese tamén espazo nos diferentes ámbitos. Na xustiza mantense o programa informático promovido pola Xunta que impide o uso do galego, no ensino estamos nas porcentaxes máis baixas dos últimos anos, na Radio Galega é frecuente escoitar publicidade en español e os datos falan de que só un 0.09 % das portadas dos diarios están en galego. Hoxe é máis difícil vivir en galego que cando Feijóo chegou ao goberno. 

-A Xunta inseriu a campaña de publicidade do Día das Letras en todos os medios menos nos que están en galego. Que supón esta decisión política?

Non é que se incumpra só a Lei de Normalización, é que o propio Estatuto de Autonomía garante a existencia de medios en galego ademais doutros tratados internacionais que falan da obriga dos poderes públicos de garantir a información en galego. A Carta Europea das Linguas contempla a existencia dunha radio e unha televisión privada en galego. Non temos diarios en papel e mesmo camiñamos para atrás, cunha política decidida a erradicar calquera medio que teña unha opinión diferente á do PP. Neste país caeron medios como un dominó sen que pasara nada. Está o plano dos dereitos lingüísticos mais tamén o de garantir a diversidade informativa e iso incúmprese desde o goberno de Feijóo. Para a Xunta o día das letras é unha entroidada e iso queda á vista tamén na súa campaña de publicidade inserida só en medios que usan maiormente o español. 

"Os poderes públicos que tiñan que frear a perda de falantes están a incrementala".

-Un dato alarmante que vostedes manexan é que o 96%  das escolas infantís das cidades exclúen o galego.  

Responde á tentativa de barrrer o noso idioma, de que o galego deixe de existir, de abafalo. Son datos que obtemos dos propios centros e son os máis baixos dos últimos 25 anos. Cando o agora Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo se dedicaba a facer investigacións lingüísticas falaba de “situación calamitosa” e non sei como se poderá definir agora que hai unha política clara de eliminación do noso idioma. 

-Vostede vén de pasar por segunda vez por un xuízo por defender a Lei de Normalización Lingüística. Defender a lei fronte a un xuíz non é o mundo ao revés?


Os xuíces deberían defender o cumprimento da legalidade e non só non o fan senón que algún, como a min me aconteceu, denuncia a quen o fai. Mais non son o único. Eduardo Álvarez ou Carlos Aymerich pasaron por situacións similares. Teño neste momento na man un documento do Xulgado n. 3 da Coruña que emprega como topónimo único da cidade “La Coruña”. Trinta anos despois da aprobación da Lei de Normalización. Tamén está o caso de Xosé Ramón Farinós que ten a ameaza de pagar 250.000 euros de indemnización por protestar porque o asesor xurídico de Muros prohibe que os viciños empreguen o galego. Vivimos tempos negros, unha caza de bruxas constante. A parte positiva é que a xente se move e, por exemplo as comunidades educativas están a defender activamente a lingua, o que é de ter en conta neste momento no que hai tantas agresións. Sería bo que tamén se posicionaran o Consello da Cultura e a Academia. Sabemos o que opina da Lei Wert o Fútbol Clube Barcelona máis non esas entidades que tiñan que estar preocupadas polo futuro da lingua. 

"Seguimos sen saber que opinan a Academia e o Consello da Cultura da lei Wert"

-Reclámanlle á RAG un maior pulo pola normalización?

O novo presidente, Xesús Alonso Montero semella querer ser o director da orquestra do Titanic mentres a lingua vai desaparecendo. Xáctase mesmo de non usar a lingua galega que é o, ao meu ver, o máis grave das intervencións que tivo até agora. Cumpriría que se preocupara polo futuro do galego e iso non é iso o que se aprecia nas declaracións que leva feito até agora. 

-Que opina de que Feijóo acuse a Queremos Galego de politización do idioma?

Téñenos dito en varias ocasións que nos apropiamos da lingua, que a patrimonializamos. Nós pedímoslle a el que a patrimonialice un bocado máis, que a use. Desde que é presidente non houbo  nin un paso adiante na defensa do galego, contra iso, déronse zancadas para atrás. Que comece a patrimonializar el a lingua, que é a súa obriga. 

Comentarios