Caramelo, unha das firmas de moda máis importantes do Estado español e con sede en Galiza, vén de presentar un expediente de regulación de emprego (ERE) que afectará a un total de 201 traballadores e traballadoras. Destas persoas, 99 están en Galiza.
Do cadro de persoal afectado polo ERE, 82 son da central de Caramelo, na Coruña, e 119 a tendas. Fontes da empresa sinalaron a Europa Press que, de evoluír positivamente a situación económica da empresa e recuperarse as vendas, podería baixarse o número de despedimentos.
Nos últimos anos, Caramelo ten recibido substanciosas axudas e subvencións da Xunta de Galiza. Só no primeiro mandato de Feijóo, a cuantía das mesmas foi de por volta de cinco millóns de euros. Mais en anos anteriores recibira créditos por valor de 11 millóns de euros.
Abrir portas a un socio?
Caramelo está controlada polo grupo Inveravante (de Manuel Jove) e mesmo a Xunta ten unha participación interposta do 7% a través de Sodiga. Caramelo procuraría a entrada dun socio privado e proceder a redimensionar o proxecto. O que non se contempla é a liquidación.