Cando o peixe grande engole o pequeno

O Partido Popular da Galiza vén de aprobar en solitario a ampliación da liberdade horaria en detrimento do pequeno comercio.
Comercios galegos

Nun contexto no que o pequeno comercio da Galiza está a loitar para sobrevivir á crise económica e para non deixarse asoballar polas grande áreas comerciais que asolagan o país, o goberno autonómico do Partido Popular vén de aprobar en solitario a ampliación da liberdade horaria para o comercio, no marco das directrices neoliberais marcadas pola Unión Europea e o estado español.

Deste xeito, os establecementos cunha superficie inferior a 300 metros cadrados contarán con liberdade horaria absoluta, o que que duplica a estensión máxima permitida pola normativa anterior. Doutra banda, o comercio con superficie útil para exposición e venda superior aos 300 metros cadrados poderá abrir un total de 10 domingos e festivos ao ano. Para este tipo de establecementos, a xornada laboral amplíase cun máximo de 90 horas semanais fronte ás 72 actuais. Finalmente, outra das novidades rechamantes da normativa atinxe ás multas, que no caso das infraccións leves diminúen e no das graves, aumentan. No entanto, a lexislación amósase ambigua xa que os importes ficarán condicionados á graduación realizada polo instrutor de cada momento en función das dimensións do comercio, un baleiro xurídico que non deixa de ser característico dos sistemas neoliberais.

Dende a Federación Galega de Comercio, o seu presidente José María Seijas López, manifesta que esta é “unha lei para beneficiar ás grandes superficies, non @s consumidor@s nin @s pequen@s comerciantes”. No entanto, pese a admitir que a través da Confederación Española de Comercio fixéronse alegacións ao Goberno central por considerar que “non era necesaria a ampliación horaria”, Seijas mantén que “o problema non son as horas, senón a caída do consumo” e remítese a “estatísticas recentes” para afirmar que “onde máis caeu a actividade foi nas grandes superficies”. Amais, aproba as modificacións da lei central levadas a cabo pola Xunta por limitar a 10 os domingos e festivos anuais de apertura para o comercio de maiores dimensións, sendo os límites fixados por Madrid entre 10 e 16 ao ano.

Outro dos aspectos da lei que máis preocupa á asociación compostelá é a liberdade de comercio para os establecementos de superficie inferior a 300 metros

“O único positivo das modificacións promulgadas polo goberno da Galiza é que se aplican os mínimos da lei central coma se fosen máximos”, afirma Jose Ángel Blanco, xerente de Compostela Monumental, asociación sen ánimo de lucro de comerciantes, empresarios e profesionais do casco histórico de Santiago, que aglutina un total de 205 comercios e conta cun periplo de vida de 21 anos. Porén, Blanco reflexiona arredor das repercusións a curto e longo prazo que a normativa pode carrexar para o comercio ao pormenor. Primeiramente, sinala como un dos aspectos máis graves “o incremento da xornada laboral mediante aperturas indiscriminadas”. En segundo lugar, chama a atención sobre a competencia desleal, potenciada polas normativas de corte liberal, a través das cales as grandes superficies asoballan o pequeno comercio.

Outro dos aspectos da lei que máis preocupa á asociación compostelá é a liberdade de comercio para os establecementos de superficie inferior a 300 metros, antes concedida só os establecementos menores de 150 metros cadrados: “A anterior normativa constituía unha forma de protexer e compensar o pequeno comercio; porén, elevar o límite ao duplo é unha estratexia na que a lei se fai ad hoc para favorecer as grandes empresas”, resalta o xerente. Blanco explica que, mediante esta vía, concédeselle ás grandes marcas a posibilidade de cambiar o seu formato comercial e rendibilizar máis, “se couber, os seus negocios: “Unha multinacional podería apostar por inaugurar un local de superficie inferior aos 300 metros cadrados e, así, acollerse á plena liberdade horaria, cando as súas circunstancias son ben distintas ás d@s pequen@s comerciantes composteláns”, razoa.

“Estamos irremediabelmente encamiñados a ver as nosas rúas baleiras por mor dun sistema que só se preocupa por beneficiar as grandes empresas e onde o pequeno comercio ficará engolido por estas”.

Unha receita perigosa para a Galiza

O paradoxo desta iniciativa que no estado español contou con Esperanza Aguirre como a súa principal defensora reside en que a súa ineficacia xa foi constatada en países como Franza, Alemaña ou Estados Unidos, onde os antigos e puxantes centros das súas urbes víronse convertidos en zonas marxinais a causa das políticas que apostaron polas grandes áreas comerciais en detrimento do pequeno comercio. En consecuencia, estes estados están a desembolsar elevadas sumas para acondicionar os seus cascos históricos e devolverlles a vida arrebatada dende as grandes superficies dos seus alfoces.

Dende Compostela Monumental, o xerente advirte: “En principio, esta medida véndesenos como unha vía para xerar emprego, emporiso nós apostamos por unha sociedade con postos de traballo estábeis e de calidade, así como por outro modelo de cidade en que se manteña o nivel de vida; é unha filosofía de vida tradicional, fundamentada nunha política de conservacionismo, onde primeiro están as persoas e os servizos sociais”. Canto á cidade de Compostela, Jose Ángel Blanco afirma que contar no casco histórico, o centro da cidade, con todo tipo de negocios é “un labor social” que deberían avalar as institucións. En primeiro lugar porque facilita, di, “a vida das persoas que, como os anciáns, teñen problemas para se trasladaren ás aforas co obxecto de adquiriren produtos diarios de primeira necesidade” e, amais, porque “malia que os políticos branden a cotío a bandeira da sostibilidade, son precisamente as grandes áreas comerciais da periferia ás que fan unha cidade insostíbel ao incentivar o uso dos vehículos particulares e incrementar notabelmente o tráfico”, reflexiona.

Doutra banda, inda que os distintos colectivos de comerciantes ao pormenor coinciden en que, “dentro do malo”, as modificacións da lei central elaboradas pola Xunta son menos prexudiciais para Galiza do que as propostas iniciais promulgadas dende Madrid, Miguel Agromaior, presidente da Federación Provincial de Comercio da Coruña, fai un grave prognóstico para o futuro: “Co tempo, de seguro, a normativa adaptarase para que as grandes áreas comerciais poidan abrir todos os días da semana; complexos como Marineda City na Coruña concibíronse para abriren os domingos porque se non o fan, non serían rendíbeis”, manifesta. E prosegue: “Estamos irremediabelmente encamiñados a ver as nosas rúas baleiras por mor dun sistema que só se preocupa por beneficiar as grandes empresas e onde o pequeno comercio ficará engolido por estas”.

Comentarios