Cando o lume arrasa o agro

O incendio que devastou o Monte Pindo levou por diante boa parte das terras empregadas por labreg@s da zona para as súas explotacións horto-frotícolas. Desde a cooperativa Raínha Lupa (Quilmas, Carnota) denuncian que "se o goberno da Xunta non fai unha verdadeira política de prevención de lumes" traxedias coma as do Pindo "volverán repetirse cíclicamente".

photo_camera Invernadoiros da Raínha Lupa queimados polo lume

A Raínha Lupa naceu en Carnota hai perto de seis anos. É unha cooperativa de agricultura ecolóxica afincada na parroquia de Quilmas. Dedicada a produción hortofrotícola, o lume que devastou o Monte Pindo na noite do mércores arrasou tamén coas súas terras.

Árbores froiteiras autóctonas, cítricos, unha boa parte dos invernadoiros en que cultivan verduras e hortalizas de tempada e mesmo as colmeas coas que recollen o mel de todo o ano. "Na práctica", contan desde a cooperativa, "o lume do Pindo queimou toda a superficie agraria de Quilmas e doutras aldeas da contorna". 

As máis das veces os danos causados polos incendios en parques naturais, espazos protexidos pola Rede Natura ou paraxes de grande importancia cultural, histórica e antropolóxica --como o Monte Pindo-- solapan a desaparición das terras agrarias aínda útiles como as de Quilmas. Ducias de postos de traballo e familias dependen das colleitas desas terras.

Unha verdadeira política de prevención que apoie o agro

"Coas súas políticas", denuncian desde a cooperativa Raínha Lupa, "o goberno de Núñez Feijóo está provocando que os labregos e labregas da Galiza sexan unha especie en vías de extinción". As condicións de traballo, os prezos da produción agraria en orixe e a falta de servizos están a acelerar a pasos axigantados o proceso de despoboamento do rural. Neste senso, proxectos agrarios como a Raínha Lupa supoñen un balón de osíxeno para o país. 

"Se o goberno da Xunta de Galiza non fai unha verdadeira política de prevención de lumes forestais", advirten desde a cooperativa, "e apoia ás labregas e labregos, estas traxedias volverán repetirse ciclicamente". E é que promover a agricultura e a gandaría como actividades económicas que dinamicen a terra "é moito menos custoso para a administración que os centos de millóns destinados ás empresas de extinción", salientan. 

Fronte ás advertencias e denuncias d@s labreg@s, do movemento veciñal e ecoloxista, o executivo de Núñez Feijóo e o propio presidente teiman en declinar responsabilidades e sinalan @s incendiari@s como principal problema. Porén, o certo é que a forestación con árbores foráneas, a falta de ordenación e o abandono do monte convértense na gasolina que estende o lume cando alguén prende un chisqueiro.

Comentarios