Cando o colexio chega ao despacho do Conselleiro

Ao Colexio de Présaras, en Vilasantar, quítanlle unha mestra  para o curso que vén. Pais e nais, alumnado e a directora presentáronse en San Caetano para impedir a redución que obrigará a agrupar tres niveis educativos. O Conselleiro respondeulles que non ía reconsiderar o recorte. 

Cunha grande faixa na que se podía ler “A escola de Présaras non é unha granxa” personáronse en San Caetano. Até a sede da Xunta de Galiza achegouse este 2 de agosto a comunidade educativa de Vilasantar. Foron crianzas, a directora, pais e nais, o alcalde do concello, o popular Fernando Pérez, ou a deputada do BNG, Ana Pontón, para tentar impedir que os recortes se leven unha mestra do CEIP de Présaras, o que suporá ter que agrupar no curso que vén tres niveis educativos nun só. As crianzas levaban unha faixa máis pequena coa lenda "Ensino digno para o rural". 

Na sede da Xunta reuníronse cunha representación da Consellaría de Educación encabezada polo propio conselleiro, o director de Recursos Humanos e o Xefe Territorial de Educación. De nada serviu a viaxe. “A resposta do conselleiro de Educación foi que a Xunta non vai reconsiderar a decisión da Consellaría. Isto significa que Educación segue adiante coa eliminación dun posto docente, polo que non se garante a calidade da educación dos nosos nenos e nenas” comentan desde a comunidade do colexio de Présaras despois da xuntanza. Prometen non parar nas mobilizacións até conseguir "unha educación digna e de calidade”.

Comentarios