As caixas negras confirman que o freo de emerxencia se activou co tren xa descarrilado

Dez segundos durou o descarrilamento e o freo de emerxencia só actuou cando xa se producira a traxedia. O Alvia circulaba a 170 quilómetros cando 80 eran os permitidos e o maquinista colgara o teléfono once segundos antes de que se iniciara o arrastre. O TSXG fai publico o informe das caixas negras do comboio sinistrado en Angrois. 

Tren, angrois, accidente
photo_camera Tren, angrois, accidente

Segundo os datos que fai públicos o TSXG, o freo de emerxencia actuou cando o tren estaba xa descarrilado. O Alvia circulaba polo punto de descarrilamento a velocidade de 170 qm/hora cando a permitida era de 80. A conversa telefónica do maquinista durou 1 minuto e 40 segundos e remata once segundos antes de que se inicie o son de arrastre do tren producido polo descarrilamento. O arrastre do tren dura dez segundos. 

Segundo a secuencia remitida polo TSXG, seis segundos despois do descarrilamento rexístrase a "aplicación do freo de emerxencia-seta". O informe foi elaborado e está asinado por axentes da Policía, persoal de Renfe, Adif e Ministerio de Fomento. O interventor declarou hoxe no xulgado e admitiu ser o autor da chamada que recibiu o maquinista. Na causa están personados Renfe, Adif e dúas aseguradoras ademais de dous particulares prexudicados. Até que se dite o auto que dá por finalizada a instrución pódense personar máis persoas ou entidades na causa. 

O informe das caixas negras do tren protagonista da traxedia de Angrois chegou aos medios de comunicación antes de que ao Xulgado que instrúe a causa. O maxistrado decidiu deducir testemuño do acontecido e remitirse ao xulgado de garda para que inicie unha investigación penal por presunto delito de descubrimento e revelación de segredos. O informe das caixas negras chegou hoxe, sexta feira, ás 11 da mañá a mans do maxistrado. 

Co informe das caixas negras na man, o xulgado confirma a seguinte secuencia dos feitos,que recollemos tal e como a fai pública: 

 
20:39:06.- Comeza o son de aviso de chamada telefónica. Velocidade 199 qm/h
 
20:39:15.- Inicio de conversación telefónica do maquinista. Velocidade 199 qm/h
 
20:39:52.- Aviso acústico correspondente ao paso por unha baliza
 
20:40:55.- Último son da voz do maquinista. 195 qm/h
 
20:40:56.- Aviso acústico correspondente ao paso pola baliza previa do sinal de entrada E7. Punto quilométrico 83/876. Velocidade 195 qm/h.
 
20:40:59.- Aplicación de manipulador de freo en posición de emerxencia. Velocidade 195 qm/h. Punto quilométrico 84/009.
 
20:41:02.- Aviso acústico correspondente ao paso pola baliza do sinal de entrada E/. Punto quilométrico 84/171. Velocidade 195 qm/h.
 
Nota: No Libro Horario do Tren 151 contémplase que entre o punto quilométrico 84/230 y el 85/000, a velocidade máxima permitida é de 80 qm/h.
 
20:41:06.- Descarrilamento do tren. Velocidade 179 qm/h. Inicio do son de arrastre do tren. Punto quilométrico 84/413.
 
20:41:10.- Aplicación do freo de emerxencia-seta. Velocidade 153 qm/h. Punto quilométrico 84/591 co tren xa descarrilado.
 
20:41:16.- Fin do son de arrastre do tren.

Comentarios