Cadaleitos para reivindicar unha acción política contundente contra a violencia machista

Unha ringleira de cadaleitos coa lenda “Non á violencia machista” diante do Parlamento Galego foron o símbolo dunha mobilización que reclamou ao PP unha acción de goberno contra a violencia de xénero. 

Cadaleitos diante do Parlamento
photo_camera Cadaleitos diante do Parlamento

Ao tempo que dentro do Hórreo comezaba a comparecencia de Alfonso Rueda, ás portas unha concentración convocada polo BNG e a CIG reclamaba unha acción política contundente contra a violencia de xénero. Unha morea de cadaleitos aliñados ás portas do Parlamento deixaban á vista a protesta social contra un machismo que mata despois dun mes de agosto no que se produciu un novo asasinato a unha muller e un tiroteo que deixou outra malferida. 

“A violencia machista ten que ser cuestión prioritaria neste país. Presentamos unha táboa reivindicativa con dez puntos de obrigatorio cumprimento, algunha de orde lexislativo como a cuestión publicitaria, xa recollida por lei, e outras destinadas á educación, para eliminar de raíz a violencia machista ou crear xulgados específicos nas cidades”, sinalou Saleta Chao, responsábel de Acción Feminista da executiva do BNG que lembrou o Plan de Emprego Feminino prometido por Feijóo do que segue sen saberse nada. 

Tamén Margarita Corral, da Secretaría da Muller da CIG, denunciou que, contra a urxencia de priorizar a erradicación da violencia machista, o PP “está a facer recortes en igualdade e atención das vítimas”. Lembrou que na Galiza son xa sete as mulleres asasinadas pola violencia machista no que vai de ano xa que, segundo dixo, é necesario mudar os criterios e incluír nas contas os casos de violencia machista sen limitar a violencia doméstica, en referencia concreta ao caso de Adela López (Cervo), sogra dun asasino que non se está a incluír nos datos anuais. 

A táboa reivindicativa que foi rexistrada no Parlamento e que a deputada do BNG Carme Adán entregou tamén en man ao grupo do PP inclúe dez medidas urxentes co fin de erradicar a violencia de xénero. Un plan xeral de coeducación en todos os centros e niveis de ensino, prestación económica para garantir a independencia das mulleres que padecen violencia, dotación de xulgados especializados en violencia de xénero nas cidades, inclusión dos e das persoas a cargo como vítimas da violencia machista, apoio ao asociacionismo feminino, plan de formación especial para o persoal sanitario, plan de emprego feminino, cumprimento da normativa en publicidade sexista, exemplaridade das forzas políticas na loita contra a violencia e protocolo de actuación nos medios de comunicación son as accións de goberno que esixiron o BNG e a CIG, convocantes á cidadanía desta nova acción contra a violencia machista.

Dentro, os grupos da oposición lamentaron que Rueda centrase a súa intervención nunha sucesión de cifras económicas e reclamaron a priorización da política contra a violencia de xénero e o fin dos recortes. "O machismo mata e os recortes rematan", sinalou a deputada Carme Adán. 

Comentarios