O bombeiro que se negou a desafiuzar a Aurelia Rey será xulgado por “alteración da orde pública”

O bombeiro que se negou a cortar a cadea que bloqueaba o portal da casa de Aurelia Rey será xulgado o vindeiro xoves día 4 por “alteración da orde pública”. 

Ano e medio despois daquel 18 de febreiro no se negou a cortar a cadea que bloqueaba o portal da casa de Aurelia Rey converténdose en símbolo da loita contra os despexos, o bombeiro da Coruña será xulgado por “alteración da orde pública” por mostrar un cartaz co logotipo de STOP Desafiuzamentos da Coruña, polo que pode ter que pagar unha multa de 600 €. A entidade que se opón aos despexos convoca para ese mesmo 4 de setembro ás 11 horas unha concentración diante do Xulgado de apoio ao bombeiro e contra a persecución policial nas mobilizacións sociais. 

Esgotadas as posibilidades de recursos, o bombeiro enfrontarase o vindeiro xoves ao xuízo que, para STOP Desafiuzamentos responde a un castigo da Delegación do Goberno por se ter negado a colaborar en botar da casa a Aurelia Rey. A negativa do bombeiro foi un exemplo para outros profesionais que fixeron tamén obxección de conciencia para absterse de participar en diferentes despexos. 

“O xuízo que vai ter lugar o vindeiro xoves constitúe un exemplo claro de ata onde está disposto a chegar o goberno do Partido Popular contra quen loitamos por poñer ás persoas por riba do Capital, en definitiva, contra quen queremos máis á xente que ós cartos”, sinalan desde Stop-Desafiuzamentos da Coruña ao tempo que botan man de datos do Ministerio de Interior que sitúan Galiza como terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, un total de 110 e 35.000 € recadados en conceptos de multa por protestas cidadás. Stop-Desafiuzamentos convoca unha concentración de apoio ao bombeiro ás 11 horas do mesmo día 4 no que se celebrará o xuízo diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña. 

Comentarios