O BNG solicita a creación dunha Comisión de Investigación pola presunta fraude dos cursos de formación

A fraude ascendería a arredor de 20 millóns de euros en subsidios a cursos de formación profisional. O BNG compara o caso co dos EREs de Andalucía.

Parlamento
photo_camera Parlamento

A un total de 20 millóns de euros de fondos públicos ascendería a fraude nas subvencións aos cursos de formación a través dunha trama que implicaría a cargos da administración, alén de a empresarios que, nalgúns casos, mesmo terían creado empresas ficticias para recadar cartos da Xunta para cursos que nunca se deron. O BNG quere que o Parlamento investigue a través dunha comisión o alcance e as responsabilidades políticas destapadas no sumario da Operación Zeta e compara o caso cos dos EREs de Andalucía, para o que a cámara creou unha comisión propia. 

"Compara o caso cos dos EREs de Andalucía, para o que o Parlamento creou unha Comisión de Investigación". 

Os novos datos sobre a presunta trama de fraude ou estafa de subvencións e malversacións de fondos públicos na organización de cursos de formación sufragados pola Xunta feitos públicos polo levantamento do secreto de sumario da Operación Zeta son os que levan ao BNG a esixir a creación dunha Comisión de Investigación parlamentar co fin, entre outras cousas, de depurar responsabilidades de carácter político. 

Ademais de depurar responsabilidades políticas, alén das penais do proceso xudicial, o BNG quere que se extraian conclusións do procedemento seguido na administración “que eviten que este tipo de feitos poidan repetirse no futuro”. 

"Preocupa a implicación do Director de Formación da Xunta na época de Fraga, Odilo Martiñá na suposta trama"

Cuestiona a organización nacionalista se a Xunta tiña “mecanismos de control axeitados” para evitaren a malversación de cartos públicos. Ao BNG preocúpalle que, ademais dos propios empresarios, algúns de clara afinidade co PP, ou as empresas montadas con tal fin, sexa o director de Formación da Xunta de Galiza na época de Fraga, Odilo Martiñá o que apareza no sumario.

Martiñá demitiu un día antes de ser citado perante a policía xudicial sen que as causas da súa decisión se esclarecesen no Parlamento e tampouco xudicialmente, xa que se acollera ao dereito de non declarar. Lembra o BNG que no auto de levantamento do secreto de sumario a xuíza sinala que as probas  “permitiron definir os perfís dun complexo entramado delituoso no que os suxeitos investigados, dende distintos profesionais (incluído o dos responsábeis públicos encargados da concesión e control das subvencións) e asociativos, teríanse coordenado para conseguir fondos públicos.”

Lembra o grupo parlamentar do BNG que na cámara andaluza creouse unha Comisión de Investigación polo caso dos EREs, caso que presenta como “semellante” ao da presunta malversación dos fondos públicos nos cursos de formación. 

Comentarios