BNG sitúa a política municipal como chave "para combater" a exclusión social

A través dun foro organizado no concello de Bueu @s nacionalistas partillaron experiencias municipais arredor das posíbeis "liñas de resposta" ás políticas neoliberais 

Os datos tirados por diversos indicadoras nacionais e internacionais fixan cifras ás consecuencias das políticas de axuste, recortes e privatizacións. O empobrecemento das clases populares leva a milleiros de familias na Galiza á exclusión social. Con máis de 90.000 fogares en que todos os seus membros están desempregad@s e máis de 30.000 familias sen ingresos, os concellos estanse a converter nas principais administracións para daren solución ás dramáticas consecuencias da crise. 

O BNG, organizou esta fin de semana en Bueu un encontro municipal para analizar "a situación de exclusión social" e relevancia dos servizos e políticas públicas "para combater" os efectos máis lesivos "da política antisocial" que xeran "os gobernos neoliberais" na Galiza, o Estado español e Europa. 

Unha política municipal contra a crise

Alcaldes como o alaricano Francisco García ou o portavoz nacional da organización frontista tomaron a palabra neste foro de debate para pór en valor o papel protagonista dos concellos na loita contra a exclusión social. Neste senso, salientaron "a necesidade de estabelecer liñas resposta" desde as administracións locais "para combater" as consecuencias "desta crise económica e social", afirmou o voceiro frontista, Xavier Vence. Aliás, partillaron experiencias municipais á fin de "propiciar a socialización dunha política alternativa" que vaia para alén "da denuncia social". 

A través de diversas propostas, @s nacionalistas aseguraron que desde as alcaldías en que gobernan están a "estabelecer as vías necesarias" e as "medidas oportunas" para palias os efectos nocivos das políticas implementadas desde a Xunta e Madrid que din, están a empregar "a crise como excusa" para "impor un modelo social que condena a milleiros de familias galegas á exclusión social". 

Perante o anteproxecto de lei de reforma da administración local, desde o BNG amosáronse contrari@s á súa aprobación pois "o único que persegue é un baleirado de competencias para volver a unha recentralización do sistema", denunciaron. Así, salientaron que nun momento como o actual en que cada vez se dan máis "casos de extrema violencia social, como os despexos" os concellos "teñen a obriga" de estar a carón da veciñanza. 

Comentarios