O BNG reclama da Xunta que poña fin ao "desastre" na atención oncolóxica en Vigo

O servizo de radioloxía oncolóxica no Meixoeiro, en Vigo, está nunha situación extrema despois do fiasco xudicial que obrigou a devolver o novo acelerador. O BNG reclama explicacións e pide que se integre na xestión pública. 

Volver para casa, recibir sesións a altas horas da madrugada, ter que desprazarse a Compostela, mudar o tratamento para Povisa... son algunhas das consecuencias que están a padecer @s pacientes de Vigo que contan cun acelerador menos no servizo de radioloxía oncolóxica despois de se ter devolto por unha sentenza xudicial. A deputada do BNG, Montse Prado reclamou a través de varias iniciativas parlamentares explicacións pola situación do servizo en Vigo alén de esixir que a atención oncolóxica volva á xestión pública. 

O servizo de radioloxía oncolóxica depende da empresa Galaria, creada polo Sergas para unha serie de prestacións asistenciais, rexida por criterios privados e cunha dirección externa á propia administración pública. Dos catro aceleradores que estaban en uso en Vigo, dous contaban xa con quince anos cando a súa vida útil é de tan só dez e estaban a dar problemas no seu uso. Hai un ano saíu a concurso a compra dun novo acelerador que finalmente se materializou con Eleka Medical S. A por unha cantidade de case dous millóns de euros mais o recurso doutra empresa de alta tecnoloxía rematou coa paralizar da instalación por parte do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Facenda, cando xa estaba o bunker preparado e retornar o acelerador a Alemaña. 

Na rede pública do Sergas 

“Esiximos explicacións da Xunta do que está a acontecer nun servizo desta importancia e queremos saber que vai facer o Sergas nunha situación desta urxencia”, declara Montse Prado que en coñecemento de que moitos pacientes son derivados ao centro privado Povisa e a Santiago, aplicando algúns tratamentos de madrugada. 

Reclama, polo tanto, o BNG, “que se reintegre o servizo de radioterapia na rede pública do Sergas, na xerencia integrada de Vigo e que se disolva Galaria. Solicitamos tamén que se paralice o proceso de adxudicación de alta tecnoloxía por 88 millóns de euros, cunha decisión que recae en mans privadas, e que revertan na sanidade pública”. 

“O PP prefire dar negocios a empresas privadas que ofrecer un servizo de calidade. Responde a súa aposta ideolóxica por privatizar a sanidade que está a ter consecuencias como o aumento de listas de espera e peores tratamentos”, acusa Montse Prado ao tempo que mostra o seu apoio á mobilización do vindeiro sábado en Vigo. 

Comentarios