No final de campaña, o BNG pide o voto para Galiza ter voz directa en Europa

Despois dunha campaña na que o BNG intensificou o contacto directo coa cidadanía e deu voz aos colectivos afectados polas políticas da troika, a súa candidata Ana Miranda solicitou o voto nun multitudinario acto en Vigo no que defendeu a súa opción nacionalista como a “voz directa de Galiza en Europa”. 

bng vigo
photo_camera Mitin do BNG en Vigo.

A candidata do BNG, Ana Miranda, pechou en Vigo a campaña nun multitudinario acto no que animou á participación neste 25 de maio no que a singularidade da opción que defende é que Galiza teña voz directa en Europa. 

Pediu o voto de todos e todas “aos que nos rouban o futuro como persoas e como pobo”. Pediu o voto para unha voz, a do BNG, que durante a campaña foi obxecto de acoso e intento de silenciamento. “Fomos atacados nesta campaña, puxéronnos todo tipo de atrancos, fomos censurados pola Xunta Electoral e pola Falanxe rosa e non foi casualidade. Atacáronnos porque somos o voto que lles doe”, defendeu Ana Miranda ao tempo que denunciou que o voto de 103.724 galeg@s  se correspondese só con “18 segundos na TVG”.

"Vota BNG porque se o Bloque está, Galiza está”, arengou Ana Miranda

Voz directa de Galiza en Europa, voz contra a troika e a favor do pobo. Eses foron os eixos cos que o BNG puxo fin a unha campaña na que, máis que nunca, se optou polo contacto directo, pola presenza de colectivos sociais especialmente afectados polas políticas neoliberais europeas, e se multiplicaron os actos ao longo de todo o territorio. Unha campaña que se presentou como autofinanciada, sen endebedamento, apoiada co esforzo de militantes e cunha activa participación das persoas implicadas nas loitas sociais coas que a organización nacionalista saíu á rúa nos últimos anos. “Os do Bloque somos dos teus. Demos a cara contigo nas rúas contra os que rouban todo aquilo que che importa. Non te imos deixar tirado. Este domingo non quedes na casa. Rebélate. Vota BNG porque se o Bloque está, Galiza está”, dixo a candidata nacionalista no mitin que puña fin á campaña na Estación Marítima de Vigo. 

A solución está no nacionalismo 

“A solución non virá de fóra, non virá das forzas estatais de obediencia madrileña, que sempre deixan tirada Galiza”, defendeu Ana Miranda nun discurso no que non dubidou en equiparar os candidatos do PP e do PSOE xa que, ao seu ver, “na defensa dos intereses galegos tanto monta, monta tanto Arias Cañete coma José Blanco”.Fronte ese relegar os intereses galegos do que chamou o “bipartidismo harmónico españolista”, contrapuxo un BNG para quen  “Galiza é primeiro, como demostramos en Europa todos estes anos”. 

Recortes de servizos públicos, de educación, da sanidade, das pensións ou os salarios son as liñas de acción que para a candidata nacionalista fai do goberno de Feijóo na Xunta a representación da Troika en Galiza. “Feijóo e o PP son a troika en Galiza, os executores dunha política que causa emigración, paro, pobreza, exclusión social e mesmo fame”, defendeu Ana Miranda que dirixiu en distintas ocasións a súa atención cara ao presidente do PP galego, o, segundo dixo, verdadeiro representante das minorías, xa que “só representa os ricos e as grandes empresas do IBEX, a esa minoría que provocou a crise”. As maiorías están, pola contra, da parte do BNG que é quen, para Miranda, “representa a maioría social deste país, porque defende os sectores produtivos, os pensionistas acosados, os aforradores estafados, a mocidade que emigra, os que non encontran traballo nin buscando debaixo das pedras, os que están ao lado dos que defenden os servizos públicos de calidade e para todos e todas”. 

A candidata ao Parlamento Europeo polo BNG pechou a campaña nun mitin no que tamén participaron o portavoz nacional Xavier Vence, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso ademais de representantes de colectivos afectados directamente polas políticas da troika como traballadores do naval, persoas que padecen a estafa das preferentes ou das hipotecas. 

Comentarios