O BNG pide un referendo que traia un proceso constituínte e soberanía para Galiza

Nove concentracións reclamaron un novo proceso constituínte camiño cara a soberanía da Galiza. O BNG situou o debate nestas coordenadas, as que defenden fronte ao debate monarquía-república. 

Acto de Compostela (GN)
photo_camera Acto de Compostela (GN)

En nove prazas das cidades e vilas, o BNG volveu promover na noitiña da terza feira concentracións a prol da soberanía e a República Galega e contra a monarquía, xusto en véspera de que se inicie o debate do proxecto de lei que regula a abdicación de Juan Carlos I. 

En Compostela, a concentración, que como nas outras oito contou coa participación doutras organizacións independentistas e soberanistas como Nós-UP, Causa Galiza ou o Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG), a convocatoria tornouse en asemblea aberta na que o BNG compartiu coa cidadanía a súa posición a favor dun novo proceso constituínte, coa participación do seu portavoz Xavier Vence. A crise do réxime herdado polo franquismo, que se fai máis evidente nestes días despois da abdicación real, ten que ser, segundo defenderon, aproveitada para dar voz a cidadanía sobre a forma de Estado e arredor tamén das mudanzas precisas para o recoñecemento do dereito das nacións a decidir. 

"A proposta do BNG recolle a convocatoria dun referendo consultivo no prazo dun mes"

Na Praza do Toural de Compostela, Xavier Vence puxo sobre a mesa as razóns que levan ao BNG a defender no debate do Congreso unha emenda á totalidade contra o proxecto de lei do goberno central. Na proposta nacionalista contémplase a aceptación por parte das Cortes da abdicación do rei e a petición de que sexa efectiva de maneira inmediata. Recolle tamén a proposta de convocatoria dun referendo consultivo no prazo dun mes co fin de contar coa opinión da cidadanía de cara a iniciar un proceso constituínte “para definir un novo modelo político e institucional que recoñeza a soberanía das nacións e o seu dereito a decidir”

Monarquía ou república? Soberanía 

Para o portavoz nacional do BNG, o debate non se establece nos termos excluíntes de monarquía ou república, xa que, ao seu ver, “non solucionará” os problemas do país só co cambio da xefatura do Estado. “As ferramentas que nos permitan ter unha banca pública galega, tomar as decisións fiscais e normativas que máis conveñan aos nosos sectores produtivos, adoptar as medidas de impulso económico que permitan xerar riqueza e emprego”, son, segundo sinalou algunhas das claves que definirían un proceso soberanista que en clave de dotar a Galiza coas ferramentas propias dun estado. 

Vigo, Lugo, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Vilagarcía e Ponteareas viviron, ademais de Compostela, concentracións de protesta pola “sucesión” real e na defensa de maior soberanía e unha República Galega. As concentracións continuaron o calendario de mobilizacións dos nacionalistas que tivo este sábado un punto de inflexión coa cadea humana que rodeou o Parlamento Galego, como institución de representación popular e se iniciaron coas concentracións da pasada semana. 

Comentarios