O BNG logra un acordo parlamentario para axilizar a Risga

O BNG logrou un acordo parlamentario que axilizará de maneira significativa a xestión da Risga. Tardarán un máximo de dous meses as rexístradas antes de fins de marzo e ás que demoren máis de tres meses se lles aplicará o silencio administrativo. 

As solicitudes da Risga rexistradas antes de 31 de marzo de 2014 resolveranse nun prazo máximo de dous meses. Ás que tarden máis de tres meses serán concedidas por se lle aplicar o silencio administrativo. Son dous dos puntos do acordo que o BNG acadou despois de presentar unha iniciativa no pleno da terza feira encamiñada a rematar co retraso de até nove meses que se estaba a producir na tramitación da Risga. 

O acordo é resultado da moción presentada esta terza feira pola deputada nacionalista Carme Adán que instaba ao Goberno a axilizar a tramitación ao tempo que denunciaba o retraso que se estaba a producir na concesión da Risga e as Axudas de emerxencia social.  Pola súa banda, a conselleira de Benestar deitou a culpa nas traballadoras sociais mais recoñeceu o retraso. O grupo do PP aprobou a iniciativa na que se recolle a axilización dos prazos que non superarán os dous meses nas presentadas antes de fin de marzo ademais doutra novidade que é o recoñecemento do dereito á percepción da Risga por silencio administrativo, cando a espera para a resolución supere os tres meses. 

Comentarios