Moción do BNG nos concellos a prol dun proceso constituínte e do dereito a decidir

A democracia non cadra cun sistema “vitalicio” “establecido pola graza de Deus”, “machista” e “hereditario”. Por esta razón, o BNG está a presentar nos concellos unha moción encamiñada a superar o modelo institucional do Estado Español e recoñecer o dereito a decidir, despois da abdicación do rei Juan Carlos I. 

GZ Videos
photo_camera [CC BY-NC-SA GzVideos]

A sucesión de Juan Carlos I en Felipe VI confirmaría un réxime baseado na súa condición “vitalicia”, “hereditaria”, imposto “pola graza de Deus” e “machista”, condicións contrarias a un estado democrático. Despois do coñecemento da abdicación do xefe do Estado, o rei Juan Carlos I e da posta en marcha con carácter de urxencia do proceso sucesorio, coa inminente aprobación da Lei Orgánica que o rixa, o BNG está a presentar nos concellos unha moción encamiñada a “superar o modelo institucional do Estado español e recoñecer o dereito a decidir”. 

A favor da soberanía dos pobos, contra a recentralización política e  polo dereito a decidir son os eixos da iniciativa que o BNG defende fronte unha monarquía que se quere perpetuar como “principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo”. 

"A monarquía, para o BNG, quérese perpetuar como “principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación"

Definen como unha “operación de cosmética para salvar o réxime” a operación preparada para a continuidade do réxime nuns momentos onde, segundo sinalan, “unha fonda desafección a unha monarquía inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas e que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía”. 

O BNG mostra desta maneira a súa oposición a unha “mudanza de caras que dean continuidade ao réxime unitario e centralista deseñado na Transición e perpetúen a monarquía como símbolo e garante desa unidade”. Fronte a esta situación reclaman “liberdade e capacidade para decidir” da cidadanía galega que garanta “o dereito de autodeterminación dos pobos”. 

"Reclaman o inicio dun proceso constituínte “onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos"

A moción que se están a presentar nos concellos insta a Xunta para que demande ao Goberno do Estado español ao inicio dun proceso constituínte “onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir”.

EU-Os Verdes pola consulta 

Tamén na Coruña, o Grupo Municipal de Esquerda Unida- Os Verdes rexistrou unha moción encamiñada a que o Concello se sume á reclamación da consulta sobre o modelo de Estado. 

EU-Os Verdes esixen “un referendo pola República” que se inicie coa apertura dun proceso constituínte, considera que se pecha o “réxime da transición” que definen como “un modelo anacrónico que xa se ten amosado esgotado. 

“Non tragaremos con outros 40 anos dun Xefe de Estado imposto”, sinalan, referíndose a unha Constitución que non daba opción á escolla entre monarquía e república. “É o momento de darlle unha oportunidade ao país, un proceso constituínte por outra política e pola República. A 
familia real debe marchar para a súa casa se o pobo o decide”, defenden. 

Comentarios