O BNG intensifica a campaña pola tarifa eléctrica galega

A demanda dunha tarifa eléctrica galega convértese nun dos eixos das reivindicacións nacionalistas para o novo ano. O BNG levará de novo o tema a un Parlamento no que, tamén a súa iniciativa, debaterase a lei para erradicar a pobreza enerxética. Celebrará tamén unha xornada de análise a fins de xaneiro. 

Carme Adán
photo_camera Carme Adán

O BNG sitúa de cara a este inicio do ano a reivindicación dunha tarifa eléctrica galega no cerne do debate político, tanto a nivel institucional como de análise e divulgación da conveniencia de reclamar para Galiza unha xestión xusta da enerxía. Ademais de continuar coa campaña das mocións nos concellos, que están a levar a través dos grupos municipais, o tema debaterase de novo no Parlamento, canda a lei para a erradicación da pobreza enerxética, iniciativa tamén do BNG. 

“Por moitas razóns, é de sumo interese político e económico reclamar neste momento unha tarifa eléctrica galega. As implicacións para o sector industrial están á vista. Cun 40% de excedentes de produción enerxética non ten sentido que non teñamos beneficios de cara á industria e ao consumo particular. As situacións polas que atravesa Megasa e Alcoa convidan tamén a situar o tema no centro do debate político”, defende Carme Adán, responsábel da área de industria do grupo parlamentar do BNG. O grupo nacionalista considera ademais que, a raíz da aprobación da tarifa vasca é este o momento de dar o debate na Galiza, e concienciar á poboación da necesidade de reclamar un trato xusto na xestión da enerxía. 

"As situacións polas que atravesa Megasa e Alcoa convidan tamén a situar o tema no centro do debate político”, defende Carme Adán

Ademais do debate da tarifa eléctrica, o Parlamento terá que votar a lei para a erradicación da pobreza enerxética, unha iniciativa nacionalista que busca protexer á poboación máis vulnerábel diante de cortes do servizo por falta de pagamento. “Queremos que se modifique a Lei de Consumo de Galiza para introducir o concepto de consumidor vulnerábel, as familias que non poden asumir o gasto enerxético. Reclamamos que se fagan acordos coas empresas eléctricas para que non se lles poida cortar a enerxía por falta de pago”, explica Carme Adán para quen, en definitiva, as dúas liñas de actuación conflúen en “cambiar radicalmente o modelo que existe neste momento baseado en grandes oligopolio enerxéticos, con inmensos beneficios, para facer unha produción e distribución máis democrática”. 

Xornada o 31 de xaneiro 

Destes e outros temas arredor da enerxía debaterase na xornada de análise que está prevista para o vindeiro 31 de xaneiro na que a formación nacionalista quere darlle participación a outros modos de xestión como son as cooperativas ou o cluster de autoconsumo

A xornada iniciarase cunha análise do sistema eléctrico español a cargo de Fernando Branco e Adrián Dios para continuar cunha mesa redonda na que se presentarán propostas por “unha enerxía democrática” a cargo de representantes do cluster de autoconsumo ou cooperativas como “A nosa enerxía” e o especialista Xose Manuel Golpe ademais de analizar o impacto da enerxía no sector industrial a cargo do economista Anxo Calvo. A xornada rematará coa presentación da proposta de tarifa eléctrica galega por medio de Carme Adán e o voceiro do BNG, Xavier Vence. 

Comentarios