O BNG insistirá na defensa da fraga de Catasós

A deputada do BNG Carme Adán máis o voceiro municipal de Lalín, Xesús Cordeiro, anunciaron -nunha visita á fraga de Catasós- que insistirán nas iniciativas para a defensa deste espazo natural fronte á destrución que supón as obras da liña de alta tensión.

Catasós
photo_camera Catasós

Despois de que a súa inciativa parlamentar non prosperase polo rexeitamento do PP, unha delegación do BNG visitou a fraga de Catasós e mostrar o seu empeño na defensa da riqueza natural e paisaxística que está en perigo pola construción da liña de alta tensión. “O debate no Parlamento foi unha oportunidade perdida do PP de poñerse ao pé dos veciños e veciñas. Fronte a iso, o partido que goberna a Xunta preferiu tomar parte ao lado de Fenosa. Nós seguiremos loitando contra a destrución da fraga de Catasós porque sabemos que é posíbel a súa conservación e que é o que quere a veciñanza de Lalín”, dixo a deputada Carme Adán acompañada do voceiro municipal Xesús Cordeiro e  veciños do concello que se sumaron ao acto de apoio da fraga. 

Anunciou o BNG que teñen xa rexistradas iniciativas co fin de insistir na conservación do patrimonio natural en perigo e, entre elas, unha pregunta ao conselleiro ademais de levar tamén o tema ao pleno municipal de Lalín. “Queremos que se paralice a resolución da Consellería para modificar parcialmente o proxecto e que contemple o soterramento do trazado co fin de impedir a tala das árbores”, sinalou, xusto no punto xeográfico no que a paisaxe se vería afectada polas obras. 

Comentarios