BNG exixirá a modificación da lei que impón a quita @s afectad@s polo calote das preferentes

Así o anunciou o portavoz parlamentar da organización frontista esta segunda feira. Francisco Jorquera lembrou que a venda destes produtos foi aprobada polo goberno de José María Aznar e que @s deputad@s do PPdeG no Congreso español apoiaron co seu voto favorábel a imposición da quita. 

O portavoz nacionalista na Cámara galega anunciou en comparecencia de imprensa as iniciativas que a organización frontista presentará na Cámara para procurar solucións ás persoas estafadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas. Neste senso, Francisco Jorquera debullou as proposicións que veñen de apresentar no Parlamento entre as que se atopa a modificación da Lei 9/2012. 

"Instaremos a Xunta a que demande a corrección dos artigos en que se estabelece a quita", asegurou o voceiro parlamentar do BNG, ao tempo que exixirán ao FROB que se devolvan integramente os aforros ás persoas estafadas. 

Jorquera lembrou a Núñez Feijóo que foi o "goberno Aznar" o que aprobou a venda de preferentes entre @s aforrador@s

O nacionalista quixo lembrar que a venda deste tipo de produtos entre @s aforrador@s foi aprobada polo goberno de José María Aznar sendo as épocas en que maior número de participacións se comercializando as dos "gobernos de Fraga e de Feijóo", en contraste coas declaracións feitas polo presidente da Xunta de Galiza [asegurou ser durante o bipartito cando máis produtos financeiros desta caste se distribuíran]. "Agora vai ser o Bloque o responsábel do asasinato de Kenedy por ter apoiado os orzamentos durante o goberno de Zapatero", ironizou Francisco Jorquera en alusión ás verbas do líder do executivo galego durante a pasada sesión de control ao presidente. 

Segundo Jorquera, o Partido Popular está a practicar "un xogo de aparencias" ao expresaren a súa solidariedade coas plataformas de afectados, cando en realidade "foron os deputados do Partido Popular de Galiza" @s que apoiaron a aprobación da quita no Congreso español malia ter votado en contra da mesma o seu partido no Parlamento galego. 

Reprobación de Louzán polas súas acusaciós contra portavoces das plataformas

O BNG rexistrou tamén unha Proposición non de lei en que insta á Xunta de Galiza a "reprobar a Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra" por mor das acusacións deitadas polo popular contra "os portavoces das plataformas, nomeadamente contra Xulio Vicente, voceiro da plataforma do Rosal", manifestou o nacionalista. Para Francisco Jorquera, as declaracións do presidente provincial son "intolerábeis" e "intimidatorias". 

Comentarios