O BNG esixe á Xunta que actúe contra a “pobreza enerxética”

Impedir que as subministradoras podan cortar a enerxía eléctrica a familias en situación de pobreza e en condicións climatolóxicas duras. Este é o obxectivo da iniciativa que o BNG rexistrou no Parlamento para a loita contra a “pobreza enerxética”. A Generalitat está a facer xa modificacións lexislativas e a desenvolver acordos con empresas. 

Pobreza cero obxectivo do milenio
photo_camera Pobreza cero obxectivo do milenio

O BNG reclaman á Xunta que inicie o proceso para desenvolver cambios lexislativos que garantan o subministro eléctrico a familias en situación de pobreza. A través dunha iniciativa parlamentaria, a deputada Carme Adán sinala que a “pobreza enerxética” é un dos factores de “vulnerabilidade” en momentos de grave crise e adversas condicións climatolóxicas. 

A deputada nacionalista defende que os altos niveis de pobreza e as condicións climatolóxicas fan urxente que o Goberno tome medidas á hora de iniciar as modificacións que eliminen a posibilidade de cortes de enerxía eléctrica a persoas sen recursos. Os datos indican que no 2012, 1,4 millóns de vivendas padeceron no Estado español corte de luz por impago de recibos da tarefa eléctrica, o dobre que no inicio da crise. 

A reclamación do BNG chega nun momento no que a crise está a producir un incremento significativo nos índices de pobreza. A Rede Galega contra a Pobreza denuncia que o número de persoas en situación de exclusión social pasarían a 662.515 en 2012, aumentando un 7,6% a cifra do ano anterior. Cáritas sitúa tamén por riba das 600.000 persoas por debaixo do umbral da pobreza das que máis de 100.000 estarían en condicións de pobreza extrema. 

A “Enquisa de condicións de vida dos fogares” apunta tamén un incremento significativo do grupo das persoas con moita dificultade para chegar a fin de mes que se incrementou do 2011 ao 2012 en dous puntos porcentuais, pasando do 10,9% ao 12 %. 

Pola contra, os plans de loita contra a pobreza e exclusión social, foron recortados nun 32% desde o 2009 ate o 2012, pasando de 892.000 euros a 604.945, segundo denuncia o BNG. 

A Generalitat contra a pobreza enerxética 

A Generalitat de Cataluña está a tomar xa medidas contra os cortes de subministro a familias en caso de pobreza e estuda o cambio no seu Código de Consum. Desta maneira, CIU avanza na modificación legal que impida que familias en situación de pobreza enerxética queden sen subministro a causa de impagos, de maneira especial, en inverno. 

O Conseller Felip Puig estableceu xa contactos con Endesa, principal subministradora, e co ministerio correspondente para alcanzar acordos ao tempo que traballa na emenda para modificar o proxecto de lei do Codi de Consum. Esquerra Republicana quere que a norma se inscriba tamén na lei de acompañamento dos presupostos e negocia coa Generalitat a súa inclusión no debate que se desenvolverá próximos días.

Comentarios