O BNG esixe que o PP responda polos 17 millóns de apoio ao vehículo eléctrico cando desmantela o 065

Corenta millóns de euros en cartos públicos, un mínimo de 17 da Xunta, e 15 vehículos eléctricos rexistrados no ano 2013. Este é único balance que se coñece da inxección de orzamentos da Xunta para o vehículo eléctrico mais agora o PP terá que responder no Parlamento ao resultado do investimento ao prosperar unha iniciativa do BNG. 

Carme Adán
photo_camera Carme Adán

Dos cartos públicos que PSA recibiu para o desenvolvemento dos vehículos eléctricos, 17 millóns viñeron directamente da Xunta de Galiza. Ao longo do 2013, só se rexistraron 15 automóbiles co cal, segundo o cálculo que puxo sobre a mesa o BNG, polo de agora sae a máis de millón por coche. “Cada coche eléctrico ronda unha inversión próxima ao millón de euros. A isto debemos engadirlle todas as subvencións ao I+D+i para o deseño e mellora do produto. Estas son difíciles de cuantificar, mais que hoxe poden quedar só en proxectos falidos polo fracaso en vendas destes 

prototipos”, sinala a deputada Carme Adán na súa iniciativa ao tempo que lamenta que, mentres o goberno da Xunta inviste sen resultado retira o apoio ao servizo do 065, automóbiles que o goberno bipartito disponibilizara para o transporte de persoas con dependencias. 
 
“O mínimo que podemos esixir é a avaliación das políticas públicas”, defende a deputada quen esixe o resultado do que a Xunta definiu como “relación simbiótica” con PSA Vigo que xustifica esa subvención de 17 millóns. O goberno galego explicou con anterioridade por escrito que o apoio a PSA Vigo materialízase en que “levarán a marca Galicia nos vehículos full electric fabricados a Galicia” e xustificou que a subvención non era a fondo perdido senón “baseado no impacto real da fabricación e comercialización destes vehículos”, explicación que, segundo a deputada nacionalista Carme Adán, non abonda se non se dá unha conta de resultado dos cartos investidos. 

Comentarios