O BNG esixe a Albada a devolución das taxas municipais por reciclaxe

Considera unha estafa que a empresa de lixos cobre ás e aos veciños dos municipios coruñeses un canon por un servizo que non realiza. Anuncia iniciativas para reforzar as políticas públicas de reciclaxe.

lixo
photo_camera lixo

O BNG instou aos concellos da comarca da Coruña que tomen medidas contra Albada. A concesionaria de recollida e tratamento de lixos que opera no Consorcio das Mariñas incumpre os seus compromisos en materia de reciclaxe, segundo ven denunciando nos últimos meses a fronte nacionalista.

A cantidade de lixo reciclada en Nostián é ínfima e o destino final da maior parte del é o seu depósito en vertedoiro ou a incineración, asegura o BNG nun comunicado. O conflito laboral de Albada, cuxo persoal leva dúas semanas en folga, levou ás e aos traballadores da concesionaria a confirmar publicamente estas acusacións. 

A fronte solicitou por este motivo aos concellos que esixan a devolución das taxas municipais para o servizo de lixos. Consideran que o pagamento do canon supón unha estafa para a veciñanza dos concellos de Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.

Os nacionalistas mostraron a súa oposición ao que cualifican de grave agresión contra a saúde e o medio natural, en relación ao tratamento inadecuado dos residuos. Aseguran que esta situación émoi vantaxosa para Albada desde o punto económico ao non implicar separación nin tratamento en planta

O BNG anunciou que vai presentar iniciativas nos concellos da comarca contra esta situación inaceptábel e para reforzar as políticas públicas de reciclaxe.

Comentarios