O BNG denuncia unha nova concesión da Xunta de 5 millóns a un “chiringuito” de cargos do PP

Cinco millóns máis saen da Consellaría de Traballo para ir parar a un “chiringuito” de cargos do PP implicados na Operación Zeta. A denuncia do BNG súmase á esixencia dunha auditoría dos fondos de formación. 

Xavier Vence e Montse Prado
photo_camera Xavier Vence e Montse Prado

O BNG denuncia que a Consellaría de Traballo e Benestar Social continúa a conceder contratos a “chiringuitos” relacionados cos cargos do PP. Como novo caso sinalan a xestión da Residencia Valle Inclán en Vilanova de Arousa  pola que se lle conceden cinco millóns de euros a Euroconsultores Socio sanitarios S. L, empresa sen traballadores nin instalacións coñecidas. 

O portavoz nacional, Xavier Vence, máis a voceira de Sanidade, Montse Prado, esixiron en rolda de prensa unha auditoría dos fondos de formación e dos procesos de privatización de servizos do goberno de Feijóo diante das irregularidades detectadas. No novo caso denunciado, ao que Traballo concede cinco millóns de euros, o BNG denuncia que a empresa comparte administradores con Viajes Silgar S.L.  e Nurtime S.L, un entramado que, segundo lembran, está a ser investigado polo Xulgado n. 3 de Santiago, tras a denuncia da CIG. Poñen tamén sobre a mesa a relación co PP dos tres administradores: Francisco Janeiro, ex candidato do PP á alcaldía de Cambados, José Jaime Cosío, ex director xeral de Formación e Emprego, e Francisco Jesús Gallegos, ex director xeral de Comercio e Consumo, tamén polo PP. 

"Francisco Janeiro, ex candidato do PP á alcaldía de Cambados, José Jaime Cosío, ex director xeral de Formación e Emprego, e Francisco Jesús Gallegos, ex director xeral de Comercio e Consumo, tamén polo PP, son os administradores".

Revogación da concesión e cese de Mato

“A relación da Consellería de Traballo con esta trama é obscena”, acusou Xavier Vence, nunha intervención na que reclamou que se revogase a nova concesión ademais de esixir a Feijóo o cese de Beatriz Mato ademais de demandarlle que explique en sede parlamentaria “o papel do seu amigo o conseguidor Pachi Lucas”

“É falso o relato que nos quere vender desde a Consellería de Beatriz Mato de que os controis funcionan e de que trasladan as irregularidades á Fiscalía. Estamos ante un novo exemplo de que non é así”, denuncia Prado. 

Para o BNG a política de privatización do PP está detrás das “prácticas fraudulentas na xestión dos fondos de formación e  servizos sociais” polo que estiman urxente a realización dunha auditoría que analise as consecuencias da privatización ademais do uso dos fondos públicos procedentes do Fondo Social Europeo, 358 millóns de euros, no período do Goberno Feijóo desde 2009. A auditoría ten que ser, ao seu ver, “o primeiro paso para cortar a corrente de corrupción que ameaza con converterse no día a día”. Deixou ver tamén o perigo deste fraude que pode ocasionar mesmo que Galiza perda fondos europeos por unha xestión "neglixente e corrupta do PP”. 

Comentarios