BNG considera "política e inxusta" a sentenza @s independentistas

A organización frentista amosou a súa solidariedade c@s moz@s acusad@s de terrorismo e coas súas familias. O BNG lembra que non partilla "ningún método violento para lograr a soberanía"

Bandeira da patria

O Bloque transmitiu a través das redes sociais a súa solidariedade c@s independentistas condenad@s a penas de prisión pola Audiencia Nacional española sob o cargo de "participación en organización terrorista". Embora se agarda un comunicado de imprensa para esta sexta feira, a organización frentista avanzou xa, a través das súas contas oficiais en Facebook e Twitter, que a sentenza feita pública onte [através da imprensa, avogado e acusad@s aínda non a recibiran] é "política" e "inxusta".

O BNG di non partillar "ningún método violento para lograr a soberanía" e salienta o "recital" de civismo amosado polo pobo catalán o pasado 11 de setembro, un exemplo, afirman, "de como desde a vontade cívica do pobo se poden conseguir obxectivos políticos, que deberían ser asumidos por calquera Estado que se considere democrático".

A fronte nacionalista denunciou o "terrorismo" machista, ecolóxico e institucional que sofre Galiza "cada día"

Neste senso, a fronte nacionalista asegurou "como dixemos noutras ocasións", subliñaron, que "en Galiza hai terrorismo e sufrímolo cada día". Para o BNG, é terrorismo "o que prende lume nos nosos montes; o terrorismo machista que mata e maltrata a ducias de mulleres cada ano; o terrorismo ideolóxico de quen aínda hoxe ampara, tolera e, por suposto, se nega a condenar os crimes da ditadura franquista; o terrorismo que rouba o aforro galego en NGB; o terrorismo da estafa das preferentes; o terrorismo do paro e a emigración...". Son eses millenta exemplos da violencia que se practica no noso país acotío coa cumplicidade --as máis das veces-- das institucións políticas e os gobernos do PP, argumenta o BNG.

Así, transmitiron a súa solidariedade c@s independentistas e familiares d@s mesm@s que foron condenados a 56 anos de cadea nunha sentenza que, por vez primeira, considera probada a existencia dunha organización armada na Galiza.

Cumpre lembrar que @s moz@s condenad@s negaron no xuízo a súa pertenza a ningunha organización armada e mostraron o seu compromiso co uso de vías exclusivamente políticas na loita pola conquista da soberanía para Galiza.

Comunicado 

Neste, a organización frontista emitiu un comunicado público no que asegura "en Galiza non existe ningún fenómeno terrorista" cuestión que di ter o convencemento "de que é partillada pola inmensa maioría da cidadanía galega" malia o "empeño" din, do PP "por implantar" esa "falsa idea".

Asemade, desde o Bloque advirten que a sentenza "pode ser "aproveitada, cunha interpretación extensiva desa lexislación de excepción, como patente de corso para criminalizar calquera contestación social ás políticas do Partido Popular". 

Eis, o comunicado íntegro:

En relación á sentenza da Audiencia Nacional, o BNG quere facer as seguintes consideracións:

1º O BNG considera que en Galiza non existe ningún fenómeno terrorista e ten o convencemento de que esta percepción é compartida pola inmensa maioría da cidadanía galega, a pesar do empeño do PP por crear alarma e implantar a falsa idea de que o noso país ten un problema de terrorismo.

2º O BNG salienta que coa actual lexislación antiterrorista cada vez máis supostos que habitualmente serían xulgados como actos vandálicos aplicando o código penal, pasan a ser xulgados directamente coa lei antiterrorista. Con todo, cómpre lembrar que se trata dunha normativa de excepción aprobada polo Goberno do PP presidido por José María Aznar.

3º O BNG advirte que esta sentenza política pode ser aproveitada, cunha interpretación extensiva desa lexislación de excepción, como patente de corso para criminalizar calquera contestación social ás políticas do Partido Popular, como primeira peza dunha estratexia política máis ampla destinada a perseguir e demonizar as organizacións políticas ou sociais críticas co Goberno do PP en Galiza e no Estado.

4º O BNG considera que a sentenza é desproporcionada e inxusta por aplicar penas de excepción para casos tipificados como de terrorismo a feitos que coa lexislación ordinaria terían penas moi inferiores ou mesmo serían sobreseídos. A sentenza esconde unha clara intencionalidade política dando por feito a existencia dun fenómeno terrorista en Galiza que a cidadanía non percibe e que moito/as expertos/as negan.

5º O BNG reafirma o rexeitamento e condena de todo tipo de violencia e tamén de toda estratexia política que tente utilizar calquera feito violento para reducir dereitos individuais e colectivos ou para criminalizar e perseguir ideas políticas expresadas democraticamente.

Solidadriedade desde Euskal Herria

Após facerse pública nos medios de comunicación a sentenza emitida pola Audiencia Nacional española Sortu emitiu un comunicado amosando a súa solidariedade c@s acusad@s e as súas familias. Ao tempo, a organización abertzale denunciou a pretensa "criminalización do independentismo galego" que, din, visa a xustiza española con este fallo.

Comentarios