AXENDA DE MOBILIZACIóNS

BNG e CIG sairán á rúa contra a ofensiva “involucionista” do PP

Ambas as dúas organizacións afirman que actuacións como a Lei de Seguridade Cidadá, Lei de Mutuas ou o TTIL son “un golpe á democracia” ao que cómpre dar resposta.

REUNION BNG CIG

Delegacións do BNG e da CIG acordaron esta sexta feira impulsar unha axenda de mobilizacións como paso necesario para facer fronte ao paquete de medidas “involucionistas” que o PP está a protagonizar en campos como o social ou o económico. Así o acordaron após unha xuntanza en Santiago de Compostela. “Queremos chamar a atención sobre un paquete de medidas que supón unha involución de moito alcance nos dereitos sociais, cívicos e económicos da cidadanía”, explicou o portavoz do BNG, Xavier Vence, que chamou á maioría social a secundar esta axenda mobilizadora para demostrarlle ao PP que “non está disposta a permitir unha regresión deste calibre”.

Os proxectos de Lei de Seguridade Cidadán, da Lei de Mutuas, a reforma fiscal ou o Tratado de libre comercio entre UE-EEUU, todos en plena tramitación parlamentar, conforman ese paquete normativo que, segundo a deputada Rosana Pérez, supón “un golpe á democracia” por parte do Goberno de Rajoy

“Estado policial”

Xavier Vence denunciou as consecuencias da futura Lei de Seguridade Cidadán que “é un paso de xigante para instaurar un estado policial”. “Non podemos aceptar que a acción pacífica contra as medidas do PP sexan penalizadas”, subliñou. As mobilizacións se iniciarán en novembro, co calendario que se negocie no seo da Alianza Social Galega, segundo explicou Xesús Seixo, secretario xeral da CIG.

A Lei de Mutuas que propón o PP establece un “control perverso” da saúde laboral, dando a prerrogativa das altas e baixas dos traballadores e traballadoras a unhas entidades privadas. “Imos cara un réxime de privatización progresiva da saúde laboral, cara un réxime disciplinario que vulnera o dereito á saúde das persoas e nos devolve ao século XIX”, denuncia Vence.

BNG e CIG tamén rexeitan os termos do Tratado de Libre Comercio UE-EEUU que, denunciou Pérez, está rodeado dun “total escurantismo” informativo por parte do Goberno central. “Este tratado só interesa ás grandes corporacións europeas e norteamericanas, pero vai en contra dos sectores produtivos, dos servizos públicos e arrasa coa soberanía dos pobos”, advertiu Vence.

Comentarios