BNG-Asembleas Abertas inicia en Compostela a presentación das súas candidaturas

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas en Compostela encabezada por Rubén Cela defendeu un proxecto de cidade democrática fronte á corrupción e o caos do PP.

Acto de presentación de candidatura en Compostela
photo_camera Acto de presentación de candidatura en Compostela

Unha Compostela plural, nova, democrática e luminosa, na que o traballo e a cultura sexan os eixos para o desenvolvemento. Así é a capital galega pola que aposta a candidatura do BNG-Asembleas Abertas, a primeira que fixo a súa presentación pública ao completo. 

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Compostela deuse a coñecer ao completo nun acto conducido polo escritor Suso de Toro e a concelleira Elvira Cienfuegos e que contou coa actuación musical de Alba María. Ao longo da xornada, na que se encheu o auditorio das Fontiñas, o BNG presentouse como alternativa de goberno aos catro anos e tres alcaldes do PP que, como dixo Suso de Toro, non tomaron a cidade a serio. Fronte aos catro peores anos de goberno municipal da historia recente da cidade, como se lembrou en moitas ocasións, o BNG daba a coñecer unha lista plural, representativa de Compostela e con vontade de converter a capital galega nunha cidade nova, con enerxía e vontade de futuro, cultural e produtiva, cun modelo oposto ao que o goberno popular impuxo ao longo dos catro complexos anos e os tres alcaldes. 

A lista de Compostela é a primeira que o BNG-Asembleas Abertas presenta publicamente ao completo de cara as vindeiras eleccións municipais, comicios que o portavoz nacional Xavier Vence    defendeu como o primeiro chanzo para mudar un réxime no que se impuxo o recorte de dereitos e liberdades. 

Devolverlle a cidade o que foi

Vence, na capital galega, lembrou que ao BNG se lle deben “os mellores momentos como cidade”, en alusión a cando os nacionalistas formaban parte do goberno municipal, e destacou a experiencia e a solvencia para devolverlle “á cidade o que foi”. Unha candidatura plural, reflexo da cidade, con presencia de independentes e representantes de colectivos sociais e veciñais con participación activa na vida da cidade é a aposta coa que o BNG-Asembleas Abertas buscará, segundo o voceiro nacional, “a derrota do PP o 24 de maio e pasar a páxina negra destes catro anos de despropósitos e de parálise”.

Voceiro do grupo municipal e cabeza de lista ás vindeiras eleccións, Rubén Cela non dubidou, despois da súa experiencia destes catro anos en Raxoi, de definir o goberno do PP como o “peor da etapa democrática de Santiago de Compostela” que teñen como efecto un “retroceso brutal” no desenvolvemento da cidade. “Fronte á corrupción, limpeza e honestidade; fronte ao escurantismo e malas prácticas, transparencia e paredes de cristal”, defendeu Cela, con respecto ás liñas políticas que son bandeira para o BNG ademais de diálogo e participación veciñal, defensa dos servizos públicos, xustiza social e un modelo de vivenda pública, urbanismo e mobilidade fronte á especulación urbanística promovida polo PP, entre outros obxectivos que o candidato nacionalista presentou en Fontiñas. 
 
Cidade de cultura

A cultura é marca da cidade e, por iso, o candidato nacionalista tivo palabras destinadas a defender a creación e o apio á lingua e cultura fronte o que definiu como “censura e o apagón cultural2, á vista en especial no veto á música ao vivo nos locais da cidade, que é, ao seu ver, un elemento da propia identidade de Compostela. 

O BNG “tomou sempre a cidade en serio, foi e está a ser unha candidatura responsábel e preocupada polas reivindicacións da veciñanza”, diso Suso de Toro ao tempo que criticaba a “irresponsabilidade” dun PP que sumiu “no caos a cidade”. 

Goretti Sanmartín, número 2 da lista, non dubidou ao afirmar que o BNG sente “noxo da podremia institucional que aturamos neste mandato, que rexeita radicalmente a dilapidación de cartos públicos, a falta de planificación dun goberno non elixido pola cidadanía que está ausente agás para o seu interese persoal e a especulación”.

LISTA BNG-ASEMBLEAS ABERTAS SANTIAGO DE COMPOSTELA

1.-Rubén C ela, licenciado en Economía e actual portavoz municipal.
2.-Goretti Sanmartín, doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa e activista do movemento feminista.
3.-Rafael Vilar, escritor e traballador na CIG, ademais de concelleiro; 
4.- Concha de la Fuente (independente), ex-presidenta da asociación veciñal “A Xuntanza” de San Pedro e traballadora da Radio Galega.
5.-Lois Calvelo, ex-presidente da asociación veciñal do Castiñeiriño e activista do movemento veciñal
6.-Pilar Lueiro, profesora de lingua galega e traballadora no grupo municipal. 
7.-Odilo González, enxeñeiro informático, membro de Suevia Fútbol Gaélico.
8.- Marta Domínguez, traballadora dunha planta de reciclaxe e activista da Plataforma de afectados/as polas participacións preferentes. 
9.-Xosé Lois Mouriño, músico e artesán de instrumentos tradicionais.
10.-Lucía Carreira, presidenta da Asociación Cultural-Musical Solfa e ex-vicepresidenta da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
11.-Salvador Martí, hostaleiro do bar Abrente e presidente da Asociación de Hostalería Solidaria. 
12.-Manuel Domínguez, presidente da Agrupación de Emigrantes Retornados.
13.- Margarida Ledo , catedrática de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Información da USC e directora do Observatorio do Audiovisual Galego.
14.-Xabier Baldomir (independente), director do CEIP Santiago Apóstol. 
15.-Tania González, pedagoga, emprendedora, traballou na escola do CHUS e é profesora de Brincadeira.. 
16.-Jonatan Barral (independente) estudante de Ciencias da Comunicación, practica hípica e é medalla de bronce no campionato de España paraecuestre. 
17.-Lorena Tarrío, realizou ciclos superiores de Nutrición e Laboratorio e actualmente prepara oposicións ao Sergas.
18.-Fernando García Tobío (independente), economista e traballador na Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación. 
19.-Belén Varela (independente) estudante de psicoloxía e música na banda Solfa.
20.-Gabriel López, labrego e forma parte da Mesa Nacional da Fruga. 
21.-Isabelle Kerdudo, profesora da Escola Oficial de Idiomas e activista polos dereitos dos animais en Abeiro e Adega.
22.-Jakson René Rodriguez, doutorando en Turismo e traballa de xestor de internacionalización. 
23.-Sabela Mouriz (independente), activista feminista.
24.-Xosé Manuel Casaleiro, director do CEIP Pío XII.
25.-Elvira Cienfuegos, concelleira e catedrática de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xelmírez II.

Comentarios