O BNG salienta na xornada de Pontevedra que a UE é o problema e non a solución

O BNG camiña cara ás eleccións ao Parlamento europeo facendo gala de ter sido a forza política que fixo que Galiza existira no Parlamento europeu na última lexislatura. Ao tempo, lamenta que a súa inicial oposición á UE se confirme cos datos dos sectores produtivos galegos, arrasados. Aposta agora, en palabras de Xavier Vence, na presenza de Galiza noutra Europa. 

Debate UE
photo_camera Debate UE

Antes da entrada do Estado Español na UE, o BNG adiantou os efectos negativos que se producirían, en especial, nos sectores produtivos. Case trinta anos despois e diante dunhas novas eleccións europeas, a fronte nacionalista dedicou unha xornada de debate e análise a facer balanzo. Fíxoo en Pontevedra e cun título xa abondo elocuente: "A Unión Europea non é a solución. É o problema. Hai alternativa ao espolio de Galiza".

Os dados amosan, analisa o BNG, que as políticas comunitarias arrasaron a pesca, o agro ou a industria, confirmando a palabra de orde clásica de que "Mercado Común Europeu/Ruína do pobo galego”. Con esta xornada de análise e debate, a formación nacionalista iniciou o proceso de preparación do seu programa electoral e debuxou a súa alternativa política fronte ás políticas que se impoñen a través da UE. 

Galiza existiu na Eurocámara polo BNG

O voceiro nacional, Xavier Vence, puxo en valor diante dun auditorio do Pazo da Cultura, cheo, que o BNG chega ás eleccións “cos deberes feitos”, demostrando que é a “forza útil deste país, traballando arreo para levar ao Parlamento Europeo a voz dos intereses de Galiza, a voz dos sectores económicos, dos movementos ecoloxistas e sociais, a voz da dignidade do pobo”. Galiza existiu na Eurocámara, dixo Vence, porque o BNG estaba alí. 

Acadar presenza en Europa, por medio dunha coligación de forzas “nacionalistas de esquerda, galegas e doutros territorios do Estado” é o obxectivo co que a fronte nacionalista traballa cara á unhas eleccións nas que está en xogo construír un novo modelo co que o BNG aposta por “máis Galiza noutra Europa, unha Europa dos pobos, verdadeiramente democrática, social, xusta e respectuosa coa diversidade”. 

“Os fondos europeos recibidos por Galiza desde 2007 e ata 2020 será unha contía inferior aos 9.000 millóns de euros que nos custou a todos e todas as galegas resgatar NGB”, sinalou Vence, poñendo á vista a discriminación que Galiza sobre nas políticas comunitarias. 

“Independizarnos do pensamento único”

Por súa parte, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Guillerme Vázquez, situou o debate que, a seguir, debullarían boa parte das persoas participantes con argumentos por sectores. “Independicémonos do pensamento único e seremos imparábeis”, dixo Guillerme, unha das frases que prendeu no auditorio repleto do Pazo da Cultura, preparado para construír un argumentario de cara ás próximas eleccións que afonda no defendido pola fronte nacionalista desde os inicios”. 

O eixo sobre o que se asentaba a xornada afondaba así nas mesmas razóns que levou ao nacionalismo a partillar desde xa antes da entrada do Estado Español na UE das mobilizacións na defensa dos sectores produtivos. A primeira parte do debate puña sobre a mesa o balance de resultados, datos que falan de “aniquilación” de emprego e ruína dos ámbitos de produción do país, como alertaban xa antes do ingreso na UE. 

Ruína nos sectores produtivos en datos 

En 1986, antes da entrada no MCE, o emprego na Galiza era o 9% do Estado, antes da crise, só o 6%, apuntou o economista Bernardo Valdês, ao tempo que situou en medio millón de postos de traballo os que supuxo a entrada na UE para os sectores produtivos galegos. Lembrou que “só o nacionalismo de esquerda foi crítico co nacemento da UE”. Nun contexto “dun capitalismo en plena ofensiva” situou Manuel Mera á UE, espazo na que as multinacionais “substitúen aos exércitos”. 

Máis sectores sobre os que a UE pasou o rolo foron analizados no debate do BNG. O secretario de Organización, Bieito Lobeira, definiu o país como o das mellores condicións de todo o continente para a pesca. Tamén é o que máis produción e postos de traballo perdeu no sector logo da entrada na UE. "Recibimos millóns de euros da UE si, pero para despezar a nosa frota. Europa subvenciona o desmantelamento", dixo Lobeira para quen mesmo a conserva, que representa o 85% da produción europea está seriamente ameazada coa normativa actual. Soberanía, reivindicou, de novo, Lobeira tamén para a defensa da nosa pesca. 

Dúas de cada tres explotacións agrarias desapareceron desde a integración na UE, cunha redución do 25% para a actividade do campo e unha baixada dun 85% en poboación agraria.  Galiza non cobre agora as súas necesidades alimentarias no ámbito agrario, mentres o marco europeo determina a destrución da agricultura galega. Os datos que puxo sobre a mesa o economista Edelmiro López Iglesias deixaron en evidencia o efecto da apisoadora europea sobre o sector agrario que, contra a idea que se difundiu durante tempo, “recibe en axudas da PAC menos da metade do que lle corresponde por peso produtivo”.  A situación viuse agravada, de maneira especial no caso da cota láctea ou o forestal, ao aplicar “a Xunta e o Parlamento políticas que agravaron as decisións da UE e do Estado, por acción ou omisión”.

Tamén o balance do sector industrial mostra como a UE foi determinante na perda de emprego na Galiza. “En Ferrol a taxa de actividade é do 44%, dez puntos por baixo de Galiza. Ese é o futuro se non revertemos as políticas da UE e o Estado Español”, dixo o membro do Consello Nacional Francisco Rodríguez quen cifrou en 13.000 postos de traballo os que se perderon no sector naval. “Non houbo reconversión, houbo desmantelamento”, afirmou.  “Somos periferia da periferia. Imos camiño de ser un país no que teremos prohibido producir todo", denunciou Francisco Rodríguez. 

Tampouco á lingua e a cultura atopou valedores na UE. A profesora da UDC e ex deputada do BNG Pilar García Negro falou da “represión das linguas arrasadas no continente europeo” como mostra do poder “asimilador, xerarquízante e homoxeneizador”. A soberanía tornouse, outravolta, como única saída tamén para a lingua: “"Aspiramos a que o galego sexa o idioma oficial do Estado galego e teña presenza propia en Europa", apuntou Pilar García Negro. 

Mulleres e dereitos, co xugo 

A deputada do parlamento galego Carme Adán reparou na pobreza feminina para analizar as políticas de xénero da UE. “Tiveron un nesgo de clase importante que ten que ser posto en cuestión”, sinalou ao tempo que denunciou a volta cara ao patriarcado que estamos a vivir, coa imposición de “discursos natalistas e da volta ao fogar das mulleres”.  

Nese mesmo sentido se posicionou Alba Nogueira para quen a UE fracasou na construción dun espazo común de dereitos sociais. "Temos dúas lousas: o Estado español e unha Europa decadente no social", apuntou nunha mesa na que Aymerich afirmou que “a falta de dereitos sociais e democráticos en Europa é xenético, culmina con Mastritcht". 

"A UE foi quitando as carautas. A primeira a da cohesión e os dereitos sociais", engadiu o avogado Héitor López de Castro para quen, pola súa natureza, a UE é un “buraco negro das soberanías nacionais”.  Lembrou o fracaso de todos os intentos de que as nacións sen Estado participasen na UE de maneira directa. "Nós queremos Europa, mais libre do secuestro do Capital", concluiu. 

A eurodeputada que loitou contra os freos 

A UE non é “das dúas velocidades, senón de múltiples freos”, destacou a que foi eurodeputada Ana Miranda para quen o descrédito ao respecto da UE “en Galiza é moi maioritario”.  Perdida, ao seu ver, a esperanza para os pobos, o proxecto de UE dista moito da defensa dos dereitos sociais e dos pobos. “O BNG fixo da súa presenza en Bruxelas un escano ao servizo do pobo galego, dando voz a quen non a ten”, afirmou Miranda. “Esiximos a refundación de Europa baseándose na soberanía dos pobos e no dereito de autodeterminación”, concluíu a deputada Rosana Pérez.

 

Comentarios