Aval do Consello Nacional do BNG a unha coligación das nacións sen Estado para as europeas

O Consello Nacional do BNG deulle este sábado 9 de novembro o seu aval a unha proposta de resolución para a formación frentista concorrer en coligación coas forzas nacionalistas e soberanistas de esquerda de Euskadi e Catalunya.

Vence
photo_camera Vence

No horizonte ábrese a vía dunha coligación das nacións sen Estado. A proposta pasará agora ás asembleas comarcais, para o seu debate entre os días 18 e 30 de novembro. No ámbito nacional galego, o BNG mantén conversas para que a candidatura teña o arroupamento de colectivos e persoas independentes.

Por unanimidade do seu Consello Nacional foi aprobado o documento que estableece as bases para a conformación da candidatura coa que o BNG concorrerá ás eleccións europeas de maio de 2014. A organización nacionalista aposta na “conformación dunha grande coligación de forzas galegas para que Galiza teña voz que defenda os intereses do país, dos sectores produtivos e dos servizos sociais fronte ás políticas da troika e os recortes”, sinalou o voceiro nacional Xavier Vence.

Á hora de concretar a fórmula coa que finalmente se presentarán ás eleccións, Vence defendeu a conveniencia de conformar “unha candidatura coas demais forzas nacionalistas de esquerda doutras nacións nunha coligación que represente a Europa dos Pobos, dos dereitos das nacións sen estado”. Neste sentido, sinalou que continúan as conversas coas forzas que “comparten estes obxectivos”, e nomeadamente EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya. 

“Seguimos mantendo a man tendida para que outras forzas e grupos políticos e colectivos sociais acompañen e arroupen esta candidatura que ten que ser de todas as forzas nacionalistas de esquerda deste país”, sinalou Vence dunha proposta que, despois de ser aprobada no Consello Nacional pasará a debate ás asembleas comarcais da organización que se desenvolverán neste mesmo mes.

A proposta do Consello Nacional será debatida nas asembleas comarcais do BNG, en reunións que se realizarán entre o 18 e o 30 de Novembro

Deixou Vence “as portas abertas a quen queira incorporarse compartindo os criterios desta candidatura que pon os intereses de Galiza por riba” sen sometemento a “estratexias de forzas políticas estatais”. 

O BNG, enfatizou seu portavoz nacional, mantén tamén contactos con colectivos sociais, distintos sectores da cidadanía e outras forzas políticas para que arroupen unha proposta que defenda “os intereses do país e un modelo diferente de Europa”. 

Co espírito de Riotorto 

O Consello Nacional do BNG valorou “moi negativamente” a política económica e social do PP tanto na Xunta como no goberno central, que se ten traducido nuns orzamentos que, ao seu ver supoñen un maior ·desmantelamento do estado social e do benestar. Acordou, neste sentido, continuar cunha estratexia de mobilización social activa contra unha política que “conduce a un deterioro das condicións de vida, aumenta a pobreza, a miseria e a exclusión social e non contribúe á saída da crise, senón ao estancamento económico”. 

Defendeu Xavier Vence a necesidade de impulsar o que chamou “espírito de Riotorto” e que concreta na necesidade de que os concellos se tornen en instrumentos de protección social e resposta ás políticas “devastadoras dos servizos sociais” e na demostración de que existe outro modelo de facer política. Neste sentido, anunciou tamén que continuarán coa campaña de denuncia das consecuencias da reforma local do PP que está a debate no Congreso e no Senado que, para o BNG, “vai traer consecuencias nefastas para os concellos de menos de 20.000 habitantes cun efecto devastador para o mundo rural”. 

 
 

Comentarios