O BNG anima a apoiar o pequeno comercio e consumir produtos galegos

Perante a campaña navideña, o BNG fai un chamamento á cidadanía para que apoien o pequeno e mediano comercio e elixan produtos galegos nas súas compras, exercizo que reverte, segundo defendeu o voceiro Xavier Vence, no desenvolvemento da economía local. 

comercio
photo_camera comercio

A calidade dun servizo personalizado no comercio tradicional e a sustentibilidade dos produtos locais son os argumentos que o BNG emprega á hora de convidar a consumir no comercio de rúa e optar por produtos galegos. O voceiro nacionalista, Xavier Vence defendeu o pequeno e mediano comercio como “un sector básico da economía galega, que nestes momentos precisa dun apoio público decidido para garantir a súa viabilidade no futuro”.

A capacidade de xerar emprego e o feito de que os ingresos sexan reinvestidos na economía local son outras das razóns que Vence apoiou na súa aposta polo comercio fronte ao consumo nas grandes superficies comerciais, na maior parte propiedade de investidores non galegos. Como exemplo, situou a acción de goberno do Concello de Pontevedra  pola súa decidida actuación co comercio local “con efectos extraordinariamente beneficiosos desde o punto de vista económico e social que están a vista de todos”.

Créditos con aval público  

 Lamentou Vence que a implantación de grandes superficies e unha lexislación do Goberno central que ataca ao comercio pequeno como no caso da lei de horarios comerciais, estea a producir o peche de moitos comercios tradicionais coa conseguinte destrución de emprego. O voceiro do BNG sinalou que a crise do goberno agrávase aínda pola baixada do consumo debida á crise e tamén á política fiscal regresiva do PP e por iso defendeu unha moratoria para a implantación de grandes superficies comerciais. Propuxo tamén a elaboración dun plano sectorial de equipamentos comerciais co fin de ordenar a oferta comercial e que serva tamén de defensa do comercio de proximidade. Con este fin, defendeu a necesidade de establecemento de liñas de crédito con aval público para o pequeno e mediano comercio. 
 
 Outras das medidas que sinalou co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade foron a aposta por promover a compra de produtos locais -e a promoción da súa etiquetaxe en galego- incentivar os centros comerciais abertos e regular os horarios comerciais para normalizar as xornadas laborais de quen traballa nos pequenos establecementos.

Comentarios