BNG, Amaiur e ERC debaten esta quinta feira en Ferrol sobre o dereito a decidir

No acto participarán Francisco Jorquera, Joan Tardá e Onintza Enbeia. Terá lugar na Galería Sargadelos de Ferrol ás 20 horas organizada pola Sociedade cultural Medulio.

Francisco Jorquera (BNG), Onintza Enbeita (Amaiur) e Joan Tardá (ERC)
photo_camera Francisco Jorquera (BNG), Onintza Enbeia (Amaiur) e Joan Tardá (ERC)

As forzas soberanistas e de esquerda con representación nas Cortes españolas debaterán esta quinta feira en Ferrol sobre o dereito a decidir. No acto tomarán a palabra o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o deputado de ERC no Congreso d@s deputad@s, Joan Tardá e a xornalista, bertsolari e parlamentar de Amaiur, Onintza Enbeia. 

Baixo o lema 'O dereito das nacións a decidir por si mesmas', a Sociedade cultural Medulio leva a Ferrol o debate arredor do dereito de autodeterminación dos pobos na véspera do 35º aniversario da Constitución española e nunha semana que será chave para a configuración das candidaturas ás eleccións europeas. 

As tres forzas políticas que participarán no acto público atópanse inmersas nunha rolda de negociacións que podería devir nunha coligación das nacións sen Estado ao Parlamento europeo. Segundo afirmou o portavoz nacional do BNG esta mesma semana nun encontro con xornalistas na Coruña, antes de rematar o ano BNG, ERC e Amaiur poderían fechar unha proposta conxunta coa que se presentaren aos comicios do vindeiro mes de maio. Unha coligación á que están chamadas todas as forzas nacionalistas e de esquerda que pulen por "unha voz propia" para Galiza en Europa. 
 

Comentarios