BNG abre unha ofensiva institucional nos parlamentos autonómico e estatal en defensa do tren galego

@s nacionalistas queren frear os plans de Fomento de suprimir servizos ferroviarios e demandan a transferencia a Galiza das competencias

tren
photo_camera tren

Os plans do Ministerio de Fomento para o ferrocarril galego, coa eliminación de liñas, supresión de servizos, peche de estacións... non collen por sorpresa ao BNG, formación que leva anos denunciando tanto no parlamento autonómico como no estatal os proxectos de coutar o camiño de ferro como un transporte público e vertebrador do país.

A fronte abre agora unha “ofensiva institucional” na cámara autonómica e no Congreso español en defensa do tren galego, ofensiva coa que se procura paralizar os plans de Fomento e, tamén, que comecen a se dar os pasos para que Galiza asuma as competencias sobre os servizos ferroviarios.

“Unha única obsesión: chegar canto antes a Madrid”

Ana Pontón e Rosana Pérez, deputadas en Compostela e Madrid, presentaron estas iniciativas. Consideran que “o goberno central optou por un deseño de alta velocidade que non atende ás necesidades de comunicación interna” de Galiza e que ten “unha única obsesión: chegar canto antes a Madrid”.

Defenden que Galiza conte con servizo de proximidade e cercanías, e que o tren sexa un verdadeiro transporte útil, sendo público, sostíbel e vertebrador. Avogan por crear unha Compañía Ferroviaria Galega.

Os plans de Fomento “son un roubo máis na gran estafa que Fomento está a facer coas infraestruturas públicas”, poñendo de exemplo o caos aeroportuario, a posíbel privatización das autoridades portuarias e, tamén, o camiño de ferro.

Comentarios