O BNG abre as súas asembleas para ampliar a base social

O BNG abrirá as súas asembleas locais co fin de ampliar a súa base social e reforzar a alternativa nacionalista de esquerdas que representa. O Consello Nacional decidiu impulsar o proceso de debate para afortalar a organización. 

Consello Nacional
photo_camera Consello Nacional

Convocar asembleas abertas á cidadanía é a liña de actuación que o BNG desenvolverá dentro dun proceso político encamiñado a ampliar a súa base social. O Consello Nacional da organización frontista fíxase tamén como obxectivo evitar que Galiza perda posicións dentro do debate territorial promovido desde Catalunya e Euskadi. 

O BNG celebrou un  Consello Nacional este sábado día 28 no que aprobou abrir as súas asembleas locais co fin de que participen as persoas interesadas que queiran reforzar a alternativa nacionalista de esquerdas. 

O BNG traballa xa cos ollos postos nas vindeiras eleccións municipais e xerais que terán lugar no ano 2015 e concretou xa en distintos obxectivos políticos e organizativos inmediatos para o seu plan de traballo. Situar Galiza como referencia política principal no debate político e tamén na creación de alternativas para saír da situación de crise é un dos fins cara os que se dirixe a forza nacionalista que non quere tampouco que, como nación soberana, perdamos peso específico con respecto a Catalunya e Euskadi no debate territorial. 

Canda estes obxectivos políticos, o BNG marcouse como liña de traballo de relevancia ampliar a base social e electoral do nacionalismo co fin de aumentar a incidencia social das alternativas que representa. A apertura das asembleas locais será, unha das medidas máis claras desa vontade de ampliar militancia e tamén o entorno político e social da fronte nacionalista. Se desde hai tempo, o BNG vén organizando asembleas abertas para o debate  de temas de interese social e cuestións de relevancia política, en prazas ou locais públicos, agora reforza aínda máis esa idea abrindo os propios órganos locais da militancia á participación e o encontro social. 

Comentarios