APÓS O APREIXAMENTO DO MARIANNE

Bletxu Valeiras: "As accións de Israel gozan de impunidade internacional"

O representante de Boicot Desinvestimentos Sancións-Galiza, Bletxu Valeiras, analisa a actual situación despois da detención e incomunicación das activistas. 

Bletxu
photo_camera Bletxu

-A intervención militar contra a Flotilla da Liberdade viola o dereito internacional, que medidas de presión se poden activar contra esa acción? Que institución internacional pode intervir para a liberación da tripulación?

Agora mesmo son as autoridades as que deben actuar. A cidadanía pode meter presión ás institucións dende a rúa. Por iso están convocadas concentracións por toda Galiza en apoio ao Marianne e para esixir a intervención inmediata dos responsábeis institucionais. BDS-Galiza solicitou hai uns días que tanto a Presidencia da Xunta como a Presidencia do Parlamento actuasen para asegurar a integridade física e moral das persoas que viaxaban a bordo do Marianne. E o mesmo fixo Rumbo a Gaza co Ministerio de AA.EE. e Ship to Gaza e varios grupos europeos coas autoridades europeas. O resultado foi o que vemos. Ningún. Seguiremos reclamando aos nosos gobernantes, da Xunta á ONU, que actúen, como é a súa obrigación. A presión internacional ten que ser fundamental para rematar con este aldraxe.

"Descoñecemos a situación da tripulación, posto que o porto de Ashod é un porto militar cuxo cárcere non permite a asistencia consular"


-A tripulación do Marianne da Flotilla da Liberdade foi trasladada polo Estado israelí ao cárcere militar de Ashod. En que situación se atopan?

Descoñecemos a súa situación, posto que o porto de Ashod, ao que se esperaba chegasen detidos contra as cinco da tarde do luns, é un porto militar cuxo cárcere non permite a asistencia consular, segundo informaron fontes do Ministerio de  AA.EE. español. O que manifestan portavoces do exército de Israel é que o asalto se produciu sen danos físicos. De todos xeitos o mesmo dixeron hai dous anos cando se secuestrou o veleiro Estelle, e ao final resultou que realizaran a abordaxe utilizando armas eléctricas.

-Que legalidade se conculca ao asaltar un buque que navega en augas internacionais?

O Marianne é un barco con bandeira sueca, con todo o dereito a navegar por augas internacionais. As augas autoconsideradas israelíes (que realmente pertencen a Gaza), comezan a 20 millas da costa (de Gaza). Batendo récords, o Marianne foi abordado cando se atopaba a 100 millas desa costa. A armada israelí actúa como unha banda de piratas perante a indiferenza das autoridades internacionais. Nunca a lei ou as resolucións da ONU tiveron efectos disuasorios sobre Israel.

-Segundo as experiencias anteriores, que pode acontecer a partir de agora?

Probablemente a/os activistas serán interrogada/os durante varios días sen apoio legal nin consular de ningún tipo, para posteriormente seren trasladada/os a outro centro de detención, xa coa asistencia consular, ou seren directamente deportada/os.

-A voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, é a única persoa do Estado español que viaxa no buque, está a ser protexida polas autoridades galegas e estatais?

Polo momento non hai noticias de que iso sexa así. A Xunta garda un silencio máis que absoluto. O grupo do BNG rexistrou varias preguntas no Parlamento a resposta e a accións que eventualmente ten pensado levar a cabo a Xunta  para acadar a liberación de Ana Miranda. En relación ás autoridades estatais, só sabemos que expresan a súa impotencia por Israel non lles permitir prestar asistencia consular, máis nada.

-BDS reclamara ao Parlamento e á Xunta protección para o Marianne, tiveron algunha resposta?

O silencio.

"A Xunta garda un silencio máis que absoluto. O grupo do BNG rexistrou varias preguntas no Parlamento a resposta e a accións que eventualmente ten pensado levar a cabo a Xunta  para acadar a liberación de Ana Miranda".

-A misión do Marianne era de carácter humanitario e tiña como fin entregar medicamentos e alimentos no campo de Gaza. Por que o Estado de Israel impide con violencia esta acción?

A estratexia israelí está non só en manter o bloqueo, senón tamén en acusar a Flotilla da Liberdade de colaboradora co terrorismo, e por iso tratan aos activistas como terroristas. Paneis de enerxía solar,  fundamentais debido a práctica destrución da estrutura eléctrica da faixa de Gaza polos bombardeos e as continuas sabotaxes de Israel, e medicinas, son as armas de destrución que o Marianne agochaba nas súas adegas.

-Alén dese obxectivo directo de apoio ao pobo palestino, esta iniciativa serve para denunciar o Estado de Israel? Que supoñen para dar a coñecer a situación do pobo palestino?

O paso do Marianne por varios portos de Europa, incluído o de Bueu, axudou a dar a coñecer a situación,  de Gaza e moi especialmente dos seus pescadores, aos que oficialmente non se permite faenar nas súas augas máis alén das seis millas. Unha faixa estreita de mar que na práctica fica aínda máis reducida porque a forza naval israelí ataca con frecuencia os mariñeiros que se adentran no mar máis de tres millas. Son moitos os feridos e algúns os mortos que cada ano caen vítimas dos disparos das IDF.

-En 2010 o Estado de Israel atacou a Flotilla da Liberdade provocando nove mortes e máis de trinta persoas feridas. Como se explica que este ataque continúe impune?

Do mesmo xeito que se explican todos os crimes de guerra israelís, a ocupación da terra da Palestina, os reiterados incumprimentos do dereito internacional…, o ataque ao Mavi Mármara non foi castigado porque as accións de Israel gozan de impunidade internacional. O propio Reino de España introduciu modificacións na súa lexislación para evitar ter que xulgar este delito. E o mesmo fixo o Reino Unido. As potencias occidentais actúan como bonifrates ao son que toca Israel, un estado fora da lei.

Comentarios