xoves 02.07.2020

Blanco di que non acredita na bicefalia e se desbota para as primarias á presidencia da Xunta

O ex ministro de Fomento, nunha entrevista na SER Galiza, estima en 5.100 millóns de euros o que deixarán de percibir @s pensionistas [email protected] nos próximos 6 anos a consecuencia do que cualificou como "un recortazo que se vai consolidar".

Blanco, nunha comparecencia na súa etapa como ministro
Blanco, nunha comparecencia na súa etapa como ministro

Nas últimas semanas, fontes próximas a Blanco viñan sustentando a tese de que o ex ministro e ex vicesecretario xeral do PSOE se presentaría ás primarias socialistas para elixir o candidato á presidencia da Xunta após o Tribunal Supremo ter arquivado a causa aberta contra el.

Blanco non alimentou hoxe esas espectativas, nunha súa entrevista coa xornalista da SER Galiza Aida Pena. Máis ben todo o contrario. Interpelado directamente a ese respeito, o que fora man dereita de Zapatero contestou: "Non creo na bicefalia. Sempre pensei que o candidato á presidencia da Xunta debe ser o secretario xeral do partido".

Isto resultaría nun apoio á candidatura de Besteiro, quen vai ser eleito secretario xeral após se impor a Manuel Vázquez nas recentes primarias realizadas no PSdeG. Perguntado se apoiaba entón a Besteiro, Blanco foi evasivo: "Eu díxenlle o que acabo de dicer, que non creo nas bicefalias".

Fontes próximas a Blanco viñan sustentando a tese de que o ex ministro e ex vicesecretario xeral do PSOE se presentaría ás primarias

Para Blanco, o PSdeG ten de ofrecer un "proxecto unitario e con vocación maioritaria" que lle permita liderar "a esquerda e o progresismo" para derrotar a Feijóo. O líder do PPdeG é o presidente da Xunta, mais "quere irse a Madrid", dixo Blanco, en alusión ás ambicións de Feijóo a substituír a Rajoy na Moncloa.

Pensións

Sobre a recente contra-reforma do sistema público das pensións, Blanco fixo unha crítica moi contundente.

"En 6 anos, os pensionistas en Galiza deixarán de recibir 5.100 millóns de euros. Máis de 800 millóns de euros ao ano. É a primeira vez que se fai un recortazo así, un recortazo que se vai consolidar. Isto é especialmente grave para Galiza. No noso país as pensións son menores [as máis baixas do Estado] e en moitos casos constitúen o sostén familiar", dixo.

O ataque ás pensións ligouno á redución das bolsas. "Están desmantelando o Estado do Benestar. Sen dicelo, pero o están a desmantelar. Por outro lado, ese é desde sempre o programa da direita".

Durante a entrevista, Blanco referiuse en todo momento a Galiza como o seu país, mais sen deixar por iso de expresarse en español.

comentarios