Blanco continúa a ser o dirixente con máis poder interno no PSdeG

"O Congreso ten un gañador e un perdedor. O gañador é Blanco. O perdedor, Besteiro". Nestes termos pronunciouse ao termo do cónclave socialista unha fonte próxima ao PSdeG-PSOE de Lugo. Besteiro fixo equilibrios á hora de compor a súa Executiva, na que dirixentes afíns a José Blanco se fixeron coas áreas claves.

Executiva PSdeG
photo_camera A nova Executiva do PSdeG


A sombra do ex ministro de Fomento e ex vicesecretario xeral do PsdeG-PSOe continúa a ser alongada. Para comezar, Besteiro foi na súa orixe un home del, a súa criatura. Agora é o líder do partido. Hai apenas uns días, nunha entrevista na SER Galiza, Blanco autodesbotábase como candidato á presidencia da Xunta, ao afirmar que non acredita na bicefalia. Mas nesa mesma conversa evitaba respaldar explicitamente ao presidente da Deputación de Lugo. Fontes próximas a Blanco dixeron a Sermos Galiza que o de Palas de Rei non ten resolvida aínda a incógnita de se concorrerá ou non ás primarias para elexir candidato. Afirman que todo depende do que digan os inquéritos.

A Executiva só obtivo o 68% dos votos d@s congresistas, mentres que o secretario xeral fora eleito co 95% dos apoios

"Na Executiva, en realidade Besteiro ten menos homes seus dos que ten Pepe Blanco", afirman fontes coñecedoras do proceso de conformación da candidatura.

Na nova dirección do PSdeG, Blanco ten tres apoios clave: Valentín González, novo responsábel de Política Municipal; Luis Ángel Lago Lage, secretario de Administración e Acción Electoral; e Pilar Cancela, secretaria de Organización.

Besteiro confeccionou unha listaxe executiva de compromiso, con pactos a diversas bandas. A impresión xeral é que non deixou contento a ninguén. Mais Blanco cubriu todos os seus obxectivos: colocar as súas pezas na sala de máquinas do partido.

A Executiva só obtivo o 68 por cento do voto d@s congresistas, mentres que o secretario xeral fora eleito co 95 por cento dos apoios.

Comentarios