O belén protesta, Baltasar defende inmigrantes, María contra desafiuzamentos

Diante da Secretaría Xeral de Emigración atopábase a figura do rei Baltasar que desaparecera do Belén do Obradoiro. Portaba unha mensaxe na que mostraba a súa oposición ás coitelas que firen aos emigrantes nos muros de Melilla. En Xestoso, María enfróntase a Herodes polo desafiuzamento. 

Belén de Compostela
photo_camera Belén de Compostela

Por segunda vez o belén do Obradoiro, o corazón do país, é protagonista dunha particular protesta que consiste en facer desaparecer unha das súas figuras para reivindicar unha causa xusta. Se no pasado ano a alerta ergueuse cando do pesebre faltaba o neno Xesús, este ano, despois de que o goberno municipal prometera vixianza, foi o rei Baltasar o que, de maneira incríbel polo seu gran tamaño, se botou en falta da composición do Belén para sorpresa do goberno municipal e da cidadanía que descoñecía cal sería a razón desta nova “fuga” do personaxe bíblico. 

A resposta sóubose esta madrugada, cando a figura de Baltasar, o rei negro que ten no Obradoiro tamaño humano, apareceu diante da porta da Secretaría Xeral de Emigración portando un cartel contra as coitelas que inzan os muros de Melilla contra a inmigración. Baltasar desaparecera na noite que vai de quinta para sexta feira e foi localizado na madrugada do sábado para o domingo. 

O pasado ano o neno Xesús faltara tamén do seu berce de palla e foran o colectivo Fartas quen reivindicaran a acción, en protesta contra os recortes sociais e, en especial, contra os desafiuzamentos. 

En Xestoso contra desafiuzamento

Non é a única reivindicación que se presenta neste ano arredor dun belén. O párroco de Xestoso, Lois Rodrígue Patiño, instalou neste ano un belén no que se protesta contra Herodes polo desafiuzamento de María, Xosé e o neno Xesús. O neno que naceu acollido por un portal, segundo o relato bíblico, tornouse en bo recurso para a protesta contra os desafiuzamentos que están a levar a milleiros de familias ás rúas. 

Comentarios