Beiras non se fai "moitas ilusións" sobre que Feijóo poda cambiar

Comparecencia do líder de Anova perante a imprensa. "Nunca dou por desbotado que os seres humanos son quen de rectificar", dixo sobre Feijóo. Beiras atacou a Francisco Rodríguez polo artigo que Sermos Galiza publica hoxe na sección de Opinión.

photo_camera Beiras, desde a tribuna parlamentar

Na mesma semana en que o seu grupo parlamentar votou co PP a redución do número de propostas que se poden formular no debate do estado da nación, Beiras fixo unha reflexión sobre as hipóteses que existen de que Feijóo opere algún tipo de mudanza no seu comportamento.

Interpelado pola imprensa a respeito das súa espectativas perante o debate, dixo: "Tampouco me fago moitas ilusións de o señor Núñez [por Feijóo] facer algo distinto do que leva facendo toda a lexislatura, que é eludir todo ou mentir a espuertas. Pero xa veremos".

Beiras dixo que Feijóo aínda ten a oportunidade "de variar de comportamento".

O líder de Anova enroscouse sobre si mesmo cunha alambicada sentenza final a este respeito: "Eu nunca dou por desbotado que os seres humanos son capaces de rectificar, aínda que algúns parece que non e entón efectivamente, e non só o señor Núñez, acaban contradecindo a súa condición de seres humanos".

Tamén foi inquirido verbo do artigo de Francisco Rodríguez "Sofismas, chambonadas e deserción" aparecido hoxe na sección de opinión de Sermos Galiza. A este respeito, Beiras fixo un cántico á unidade da oposición e dixo que quen "pretende rompela" traballa para o PP.

No artigo de referencia, Francisco Rodríguez en ningún momento se refire ao traballo da oposición no Parlamento galego, senón á congruencia que desde o ponto de vista do nacionalismo ten integrarse nunha candidatura ao Parlamento europeu liderada por unha forza política -IU- que ten o seu centro de decisión en Madrid.

Comentarios