Beiras: "Dou primacía ao factor 'esquerda rupturista' sobre o factor 'cuestión nacional'"

O líder de Anova explica o sentido do seu voto no referendo deste domingo nun documento pendurado na web da formación. Beiras di ter pactado cun membro da dirección estatal de IU que o número un galego na candidatura será de Anova e non de EU.

Beiras
photo_camera [Imaxe de arquivo]

Beiras decántase pola opción 1 do referendo interno de Anova -ir en coligación coa esquerda federal, en alusión a IU- porque neste momento lle daría primacía "ao factor esquerda rupturista" sobre o "factor custión nacional".

Esclarece o líder de Anova que privilexia o factor esquerda ao nacional porque "non albisco outra dinámica que non sexa a da esquerda rupturista para avanzarmos na emancipación nacional dun povo, como é o noso, que non ten hoxendía unha potencia endóxena de ofensiva cara á independencia análoga/comparábel á de Catalunya ou Euskal Herria".

Non é a primeira vez que Beiras teoriza sobre a incapacidade de Galiza avanzar cara á autodeterminación sen estreitar alianzas con forzas políticas do Estado español.

Para alén do documento de Beiras, no web de Anova hai outros sete textos: que apostan en ir coa esquerda federalnon concorrer ou  na alianza da esquerda nacionalista.

Como xa se filtrara á imprensa, Beiras aposta na opción enunciada como 1), isto é, unha coligación coa esquerda federal. Con todo, o líder da formación soberanista acrecenta que tal síntese "non corresponde cumpridamente coa focaxe que eu dou á nosa participación", malia ser a única que permite, ao seu entender, desenvolver esa idea que el ten da concorrencia de Anova ás europeas.

"Non albisco outra dinámica que non sexa a da esquerda rupturista para avanzarmos na emancipación nacional dun povo, como é o noso, que non ten hoxendía unha potencia endóxena de ofensiva cara á independencia análoga/comparábel á de Catalunya ou Euskal Herria"

Por que? Porque a terceira das alternativas --non participar-- "supón autoexcluírmonos do proceso" e a segunda --unha candidatura con outras formacións da esquerda nacionalista-- non ten razón de ser na medida en que, para Beiras, non hai opcións na esquerda nacionalista.

Ao fío, explica que o BNG fica "descartado" porque, di, "saboteou" Anova; EH Bildu tería incumprido "un compromiso" contraído en Iruña en virtude do cal "pasaría" do Bloque para concorrer con Anova se a formación frontista que lidera Xabier Vence descartaba ir con AGE pola presenza de EU na coligación; ERC "vai por libre"; e, por derradeiro, enfatiza Beiras que as CUP --que integrarán a candidatura canda BNG e EH Bildu-- "nen sequera teñen decidido concorrer".  A respeito de Podemos, pregúntase o voceiro de AGE no Parlamento se "podemos xogar agora a iso?" e considera que se trata dunha opción "enormemente difusa e aleatoria". 

Encontro coa dirección estatal de IU

No documento, Beiras relata un encontro recente, a sexta feira pasada, cun membro da dirección estatal de IU. Na reunión, Izquierda Unida proponlle a Beiras "participarmos nunha coalición a nivel de Estado" e que o número un galego na listaxe de IU a Europa -ao ser unha elección de circunscrición estatal só pode haber unha candidatura, non unha por territorio- sexa un integrante de Anova e non de Esquerda Unida. A proposta contempla tamén que en Galiza -como en Catalunya- a coligación poda facer campaña propia, mesmo con papeletas específicas, que -esclarece Beiras- non teñen por que levar o rótulo de AGE.

Beiras enfatiza no documento que a proposta do membro da dirección estatal de IU conlevaría a "garantía de escano" para o integrante de Anova que for na listaxe.

A oferta da dirección estatal de IU muda a posición inicial de Beiras -que até aquel momento estaba en sintonía co núcleo de dirección formado por Luís Eyré e Mario López Rico, para os cales non é compatíbel o proxecto estratéxico de Anova con ir en coligación con IU- e faino pendular cara ao sector crítico liderado por Martiño Noriega, desde o principio claramente partidario de avanzar na converxencia con Esquerda Unida.

Comentarios