Beiras, cómodo con AGE: "Non se sabe quen son os deputados de Anova e quen os de EU"

Afortalar a organización porque a quebra non será institucional senón social. O líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, reclamou no discurso de clausura da asemblea deliberativa que tivo lugar en Compostela a urxencia de afortalar a organización alén de traballar a prol da Alternativa Galega de Esquerdas para desenvolver unhas liñas de accións que son “dinamita”, dixo.

Asemblea deliberativa de Anova
photo_camera Asemblea deliberativa de Anova

Ás seis en punto deu comezo a sesión de clausura. Á hora prevista. Era dos poucos elementos que o programa tiña marcado como indicaba a breve nota enviada aos medios no día anterior. O resto da xornada deixouse á vontade das persoas participantes, militantes e simpatizantes da organización que asistiron á asemblea deliberativa de Anova no Pazo de Congresos de Compostela, preparatoria da decisoria que terá lugar en xuño.  

Agardábase a clausura de Xosé Manuel Beiras, mais o líder da formación tiña xa participado en ocasións anteriores na asemblea. En pouco máis de media hora de intervención, Beiras lembrou o proceso “entusiasta” da breve historia de Anova e defendeu a necesidade de afortalar a organización, porque, se a “revolución” está por vir, será social e non institucional, defendeu. 

Afortalar Anova máis tamén a Alternativa Galega de Esquerdas no Parlamento, na que Beiras manifestou sentirse cómodo, xa que “non se sabe quen son os deputados de Anova e quen de Esquerda Unida”.

Beiras chama a reforzar a organización

“Temos que traballar seriamente a prol da Alternativa Galega de Esquerdas”, comezou, na parte máis incisiva do seu discurso, na que Beiras se tornou máis orgánico para reclamar un papel activo de Anova e tamén de Esquerda Unida. Ao Hórreo chegan colectivos e entidades sociais, mais o líder de Anova bota de menos as propias organizacións no contributo ao traballo parlamentar da AGE, unha coligación que responde a unhas liñas programáticas que, ao seu ver, son “dinamita pura”. 

“Para iso estamos, no Parlamento de Galiza, mais é unha unidade de acción e nós botamos de menos que as organizacións políticas da coligación están nutríndonos moi pouca cousa, iso ten que facelo Anova e Esquerda Unida”, sinalou, chamando a atención á militancia alí congregada e reclamando a urxencia de que as forzas políticas que compoñen a coligación collan alento, xa que manifestou botar en falta o contributo das súas bases. 

Quebra democrática

“Se virá un reventón, serán un reventón social, non institucional” dixo, para, á marxe do traballo parlamentar, afondar na idea da necesidade de conseguir unha organización forte e tamén a “retroalimentación cos cidadáns que están poñendo dinamita” para derrubar o sistema. 

Construír organización de cara á asemblea de xuño, que será xa decisiva tanto no ámbito orgánico como institucional para construír o que Beiras chamou “instrumento e ferramenta para un novo ciclo político que consiga encarreirar as necesidades e intereses no novo escenario e nunha nova superestructura xurídico-política” en clave “de esquerda radical e rupturista e soberanía do pobo galego”. 

15 deputad@s en Febreiro

Era a parte final dun discurso no que Beiras comparecía convencido de que AGE está en tempo de ascenso, de que se a campaña electoral durara quince días máis terían chegado a 400.000 votos e, se fosen en febreiro a 15 deputados, conseguindo que o PP perdera a maioría absoluta, aventurou. Daba os datos para confirmar que o proceso non foi errado, que a complexa asemblea do mes de xullo camiñou finalmente por camiño certo e que a ruptura da “mesa de catro patas” deu na fórmula para conseguir a “credibilidade dos cidadáns”. 

Facía balanzo Xosé Manuel Beiras do tempo andado, das “feridas e cicatrices” coas que algúns chegaran tanto os que viñan de “forzas políticas que pasaran polo proceso de degradación e a trituradora da política institucional”, mais tamén polos que sofreran a “experiencia lacerante da marxinalidade de sentirse fóra e tampouco foran capaces de prender no seo da sociedade civil”.

Confesou que lle preocupaba que iso “puidese reproducirse” porque, ao seu ver, “sería a condena do proceso ilusionante e euforizante” da constitución de Anova cando, en poucas semanas “sen que ninguén asumise o protagonismo, por iso rompemos coa mesa de catro patas de Compromiso”. A ruptura permitiu, segundo relatou, que en dous meses estivesen constituídas máis de corenta asembleas locais que logo se reunirían en Compostela nun proceso que comezaba desde abaixo e non, coa urxencia e preocupación de ofrecer unha alternativa de cara ás eleccións, liña, segundo dixo, defendida por Compromiso. 

Trátase, para Beiras, de crear “instrumentos da nación nesta crise histórica”, e tirou dos seus clásicos, de Albert Memmi a Frantz Fannon para defender un tempo no que “os oprimidos podan facer unha revolución radical da sociedade e da cultura”. Remitiu logo á cita de xuño, ao plenario decisorio a partir do que se comezará “a construír para que saia unha marea vermella e azul” e identificou tamén aos inimigos aos que compre “atacar, aos papahostias que están na Xunta, aos monecos da Mocloa, aos cipaios do PP”. 

 

Comentarios