Begoña Caamaño e Alvarez Torneiro coinciden de novo nos Premios da Crítica española

Que Os ángulos da brasa de Álvarez Torneiro e Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño son dous  dos títulos mellor recibidos no pasado ano abonda con revisar a crítica e os premios. Despois de seren os mellor valorados nos galardóns da Asociación Galega de Editores, veñen de coincidir novamente nos Premios da Crítica Española, na sección lingua galega. 

Begoña Caamaño
photo_camera Begoña Caamaño

Manuel Álvarez Torneiro en poesía e Begoña Caamaño en narrativa, son os dous nomes que resultaron premiados no Premio da Crítica Española que se fallou na mañá do sábado día 13 en Ponferrada. Recuncan cando se cumpre o mes de teren recibido os galardóns da Asociación Galega de Editores. Non son as únicas coincidencias entre Torneiro e Caamaño. Os dous son xornalistas e tardaron en publicar a súa primeira obra literaria, dúas sorpresas que abrirían as portas a dous nomes recoñecidos desde os seus xa maduros inicios creativos. 

Os ángulos da brasa de Torneiro, editado por Faktoría K de Kalandraka gañou por segunda vez este recoñecemento despois de xa telo recibido no 1999 por Luz de facer memoria. A de Álvaréz Torneiro (A Coruña, 1932) está considerada unha das voces máis sólidas da poesía contemporánea. O autor, caracterizado pola súa discreción e pola pouca participación en acontecementos literarios, volve en Os ángulos da brasa á súa poesía na que sobrancean as emocións interiores, a evocación de momentos cotiás que a través das palabras toman forma poética. Despois dunha longa traxectoria como xornalista, tamén singularmente, Torneiro deu a coñecer o seu primeiro poemario cando tiña xa cincuenta anos e publicou Memoria dun silencio. 

Un xurado composto por críticos literarios destacou a voz de Álvarez Torneiro para lle outorgar este galardón que o seu máis recente libro suma ao xa recibido Ánxel Casal de poesía da Asociación Galega de Editores. O crítico Xosé Manuel Eiré, que tomou parte no xurado, apunta en Ferradura en tránsito que o libro de Torneiro: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano. Un poemario que reconciliará coa poesía a todos aqueles que estean un pouco saturados das formas e contidos da poesía máis vangardista e anovadora, porque esta poesía, como a de sempre, perfectamente medida, calculada, con cada cousa no seu sitio para que a discursividade sexa natural, deixa lugar unha expresividade que non procura o epatante, nunca hai lugar para artificio senón o sentir e a reflexión”.

Materia de Bretaña en clave feminista

Os premios da crítica calcan os da AGE non só na poesía senón tamén en narrtiva. De novo Morgana en Esmelle (Galaxia) de Begoña Caamaño é recoñecida como mellor obra narrativa do 2012.  Da súa segunda novela, a autora comentou recentemente nunha entrevista no semanario Semos Galiza que se pode “ler con claves de contempoarneidade e propón outro tipo de modelos. A cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa, tes que tomar postura, propor alternativas”. A segunda novela de Caamaño publicouse despois de que a xornalisa se dese a coñecer como escritora con Circe ou o pracer do azul. En ambos títulos, a escritora revisita a historia literaria e mítica desde a súa escrita feminista. 

O escritor e crítico Xosé M. Eyré, membro tamén do xurado dos premios, comenta no seu blogue Ferradura en tránsito que a novela de Caamaño recupera "a Materia de Bretaña. Recupera inclusive  a Felipe de Amancia para que non haxa dúbida da filiación cunqueiriá desta novela. E de Cunqueiro tamén recupera a actuación sobre o mito para que este estea ao servizo da análise socilóxica actual e poida explicar cousas de hoxe en día. Nunha clara reivindicación do valor da opinión das mulleres, nese preciso momento de Camelot e Avalon e  ao longo da historia. Cunha lectura posíbel tamén en clave «política» do valor ou conveniencia da independencia".

Comentarios